Ás voltas coas memorias do pasado incómodo

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

SUSANA VERA

14 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado volve estar de moda coma sempre que o futuro está confuso. A novela histórica, e agora tamén o ensaio histórico, enchen estantes e copan as vendas. Co cambio de Goberno, ademais, volveron os debates sobre a chamada memoria histórica. Un termo con moitos significados, pero que pode entenderse como a reivindicación das vítimas esquecidas dun pasado de golpe, guerra e ditadura ao que agora se lle presta renovada atención. Non son os que viviron o pasado senón os quen viven o presente, sobre todo os que non coñeceron a Ditadura, os que protagonizan esta reclamación de coñecemento. Os netos e bisnetos da guerra. Nada máis certo que afirmar que todo presente necesita indagar e construír o seu propio pasado. Niso andamos e niso andaremos sempre as sociedades.

 

Ninguén o expresou antes nin mellor ca Jorge Semprún na Autobiografía de Federico Sánchez, en 1977. Foi el quen, dende a súa biografía de resistente, deportado e liberado, expresou antes ca ninguén a idea de memoria histórica ao caso español. «Fue allí en casa de Cordón, oyéndole a Lister narar sus hazañas militares… donde comencé a comprender que la Guerra Civil solo sería mitología mientras fuese cosa de ellos, de los que hicieron, y nos deshicieron, haciéndola tan mal, que solo sería historia, al fin, solo un saber práctico que nos permitiera vivir con ellas, asumiéndola críticamente, y no desviviéndonos en sus laberintos engañosos, cuando fuese cosa nuestra: de los que no la hicimos, de los que no fuimos abrumados por el peso ideológico de tan larga leyenda de signo contradictorio…». A boa literatura ten asombrosa capacidade de anticipación.

A cita presenta con claridade un dos problemas historiográficos máis persistentes sobre a chamada Guerra Civil española: o empeño dos contendentes en establecer a súa propia memoria do que pasou; tamén anuncia unha obviedade: só os que non fixeron a guerra poden convertela en Historia como saber práctico e aplicado. Non obstante, esa posibilidade foi longa e anormalmente atrasada, porque os que a fixeron deixaron herdeiros envoltos no combate ideolóxico e empeñados en non revisitar o pasado para coñecelo, senón só como instrumento dese combate ideolóxico. Pero sobre todo porque o amarguexo dos derrotados na guerra mesturouse coa manipulación que dende o poder de corenta anos de ditadura construíron os que a provocaron.

Moito se leva indagado e revisado ese pasado incómodo nos últimos tempos e tamén as memorias confusas e contraditorias que del temos. Tanto como para dicir que non houbo represión republicana, senón matanzas revolucionarias contras os inimigos de clase por parte de quen acreditaban que esa era a forma de construír o futuro. Ou que non houbo represión golpista, senón persecucións e matanzas como medio para tomar un poder para o que ningunha elección nin procedemento legal ía habilitar aos militares golpistas. Unha toma do poder violenta e homicida, capaz de provocar a revolución, para a que non contaban con ningún apoio social nin político relevante. Construír a historia e a memoria do contrario e lograr confundir o evidente foi un enorme éxito da orwelliana ditadura.