Escolio ao debate parlamentario

Pedro Puy
pedro puy LIÑA ABERTA

OPINIÓN

22 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É vostede un reaccionario. Culto, pero reaccionario.

-Xa sabe vostede que Gómez Dávila, un reaccionario culto, deixou escrito que «os reaccionarios procurámoslle aos bobos o pracer de sentirse atrevidos pensadores de vangarda».

Hai dez anos, no Parlamento de Galicia podían escoitarse debates con mencións como a transcrita, máis ou menos literalmente. É certo que era un debate entre portavoces de Cultura, pero tamén o é que cando nunha Cámara parlamentaria os deputados se chaman entre si «reaccionario» ou «bobo», non se pode concluír que estivésemos ante un debate de luva branca. No Parlamento non abondaron nunca os debates de luva branca. Porén, a sensación xeral entre moitos dos que seguiron ou compartiron, ou seguen e comparten, a dinámica parlamentaria nos últimos anos tende a considerar que esta dinámica se ten degradado.

A causa non é outra que a irrupción na nosa Cámara do populismo de inspiración neomarxista e procedencia latinoamericana, que buscando o efecto divisorio (bos/malos; pobo/casta; xente do común/elites depredadoras) ten introducido novas dinámicas argumentativas; e provocado un efecto contaxio en practicamente todas as forzas políticas tradicionais. O resultado é que, sutil pero perceptiblemente, se van consolidando cambios. Hai unha década, o debate podía centrarse na distinta interpretación dos dados; que, efectivamente, poden ser diferentemente interpretados e levar a conclusións contrapostas. Hoxe é habitual que o uso dun dado, mesmo con cita expresa da fonte estatística, sexa (des)cualificado como «mentira»; e quen o aporta de mentireiro. Hai unha década, apenas había alusións persoais, seguindo a máxima do Parlamento británico, no que son expresamente rexeitadas (ao igual que a simulación dunha falta no fútbol). Hoxe, as argumentacións ad personam son frecuentes, e mesmo o intento de desacreditación vai mais aló do persoal para incluír a mera militancia nunha forza política. E, o que é peor, hai unha década nos debates se discrepaba sobre as solucións que se podían receitar desde as distintas ideoloxías para solventar problemas (por exemplo, a mellora da xestión da sanidade pública). Pero non se acusaba directamente de actuar conscientemente para xerar un problema (cargarse a sanidade pública) e facelo con intencións que se ocultan (sempre hai detrás «algún amigo» ao que se quere favorecer). E cito a sanidade, porque se nalgún terreo este tipo de falacias ad hominem son rebatibles cos datos é, precisamente, na sanidade pública.

Tamén de Hispanoamérica chegounos a obra de Nicolás Gómez Dávila, ese culto reaccionario. Entre os seus admiradores conta con Fernando Savater, quen recoñece ser, pese a resultarlle perfectamente alleos os fundamentos subxacentes ao seu pensamento, un apaixonado dos seus escolios. Porque aínda diferindo de todos os seus axiomas, comparte «a maioría do que se deduce deles». Savater admira os escolios Gómezdavilianos non só polo seu «espléndido tino expresivo» ou o seu «tonificante humor»; senón porque «da a casualidade de que soe dicir verdades, sobre todo cando critica». Unha opinión perfectamente subscribible por quen escoitou falar de Gómez Dávila por vez primeira, quen o ía dicir, nun debate parlamentario. E que tamén desde a discrepancia máis fonda cos fundamentos subxacentes ao pensamento do prolífico pensador colombiano, entende agora unha desas verdades acedas que nos deixou: «A política non é a arte de impoñer as mellores solucións, senón de estorbar as peores».