Veña á folga

Inma López Silva
Inma López Silva PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

24 feb 2018 . Actualizado a las 12:29 h.

No argumentario do PP contra a folga de mulleres do 8 de marzo só hai unha cousa certa: que atenta contra o modelo cultural occidental. Así, no ton grandilocuente da retórica conservadora, resúmese en qué consiste isto do feminismo contra o patriarcado, e como este, efectivamente, definiu Occidente desde Aristóteles aos nosos días: media Humanidade (as mulleres, aclaro) como criada da outra media, dona dos medios de produción (os homes). A cousa vai de feminismo e de capitalismo (palabras con mala prensa en segundo que sectores), e por iso a folga, que non é unha rareza made in Spain, se convoca a nivel global e afecta a máis ámbitos có laboral: é tamén folga de consumo e de coidados, xa que se trata de amosar que, sen a forza produtiva das mulleres, o mundo pararía. Igual que no seu momento se demostrou que, sen a forza produtiva dos traballadores, o progreso non chegaría.

 Por iso a do día 8 é unha folguiña comparada co que podía ser, pois nace autocuestionada, autocriticada e autolimitada. Imaxinen como sería o argumentario do PP se, en lugar de paros de dúas horas por quenda e unha chea de accións simbólicas que encherán España (agardo) de mandís violetas, facemos unha folga xeral de verdade, sen aparecermos nos traballos 24 horas completas, sen levar as nosas fillas ás escolas, se tomamos as rúas porque o precisamos, porque chegou a nosa hora, porque podemos. Imaxinen...

Os machos e as machas están mortos de medo, e os que mandan no modelo da cultura occidental, máis. Aínda que só sexa parando un par de horas ou pendurando o mandil da xanela como chamamento, chegou a hora na que podemos mudar isto.