Alfareiros

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

12 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os alfareiros de Galicia son mestres artesáns que traballan o barro extraído delicadamente da terra e que teimuda e sensiblemente son quen de modelar coas súas mans, dun xeito marabilloso. Pezas que falan do noso carácter ancestral como pobo, plasmando en cada diferente estilo capítulos impagables da nosa identidade. Temos a gran sorte de ser aínda unha potencia artesanal, e no caso da olaría, con toda a súa variedade, unha importante referencia para moitas outras culturas. En Galicia, oleiros, louseiros, cacharreiros e moitas outras palabras denominan esta minuciosa arte de acariñar o barro. Estreitamente ligadas á funcionalidade cotiá podemos ver unha gran variedade de pezas tradicionais, que comezan o seu proceso de creación na selección do barro, preparación, moldeado na roda, retoques manuais como o de colocar asas ou dar formas adicionais, a súa delicada cocción, o seu vernizado e a súa decoración. Todo un complexo camiño ata o acabado, no que cada paso debe estar perfectamente realizado e no que o agarimo é a clave esencial do resultado final. Na actualidade, o declive do tradicional en favor de formas novas non sempre afortunadas, nun intento de sobrevivir e adaptarse aos tempos tan devastadores cos oficios tradicionais, pode chegar a crear a confusión de non saber defender o realmente válido e auténtico; isto, sumado a non ter as axudas e a orientación institucional debidas, auguran tempos difíciles. Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo-Ourense) é a miña aldea e pode ser un exemplo, entre moitos, dese declive. Sorte que aínda quedan grandes persoas que cren no que fan, con dignidade e ganas de querer ilusionar, por iso considero que non todo está botado a perder. Luciano García Alén, cos seus traballos, trazou un camiño a seguir.