A eterna xuventude

Francisco Díaz-Fierros DE COTÍO

OPINIÓN

26 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi común a moitas civilizacións a crenza na existencia dunha fonte ou elixir da eterna xuventude que faría inmortais aos homes, propiedade que tamén se lle atribuíu á pedra filosofal que fora tan desexada e procurada polos alquimistas. O mundo da ciencia medieval e moderna, aínda que tivo contactos con estes ambientes, en xeral foi bastante escéptico con estas ideas.

 Paradoxalmente, nesta época actual, descrida e racionalista, comezamos a escoitar nos últimos tempos voces que proveñen de membros de prestixiosas e potentes institucións científicas, que nos falan de que se están a dar xa os pasos necesarios para conseguir «unha senectude insignificante» ou de «adiar dun xeito indefinido o envellecemento» e con iso, «inaugurar unha vida con forza e saúde libres do peso gravitacional do tempo». Verbas que aínda que non falan directamente da eterna xuventude e da inmortalidade, cando menos nos están a ofrecer uns horizontes inimaxinables hai moi poucos anos cara a esas promesas.

Poñer freo ao proceso de envellecemento e ampliar ata límites descoñecidos a esperanza de vida son tamén os obxectivos actuais de empresas biotecnolóxicas creadas por grupos tan poderosos, por exemplo, como Google e que tentan, mediante mecanismos de restrición calórica, manipulación xenética, prevención de danos oxidativos, tratamentos hormonais e outros, prolongar a vida ata niveis que, nos casos máis optimistas, falaríannos de centos de anos.

Esta loita contra a temporalidade e a degradación física, que son dúas das características da materia viva, supoñen tamén abrir as portas cara a unha nova natureza humana, liberada da morte e do envellecemento, obxectivos que se integrarían de cheo nesa nova corrente de pensamento que se define como o transhumanismo. Este concepto foi introducido en 1957 por J. Huxley e tomou forza e difusión na actualidade da man dos avances aplicados ao ser humano polas NBIC (Nanotecnoloxía, Biotecnoloxía, Informática e ciencias do Coñecemento). Pretende a superación das limitacións humanas a través da razón, a ciencia e a tecnoloxía, de maneira que se poidan eliminar o sufrimento, as doenzas, o envellecemento e mesmo, a morte. En definitiva, crear un novo ser, humano?

De certo que ninguén nos preguntou se estimamos que un mundo que non envellece sería o mellor dos mundos posibles, xa que para moitas persoas o problema non estaría tanto en engadirlles sen máis anos e vigor físico á vida que, evidentemente ninguén rexeitaría, senón sobre todo, en dotala dun sentido e valores que hoxe semellan estar desaparecidos. É dicir, que sería máis un problema de calidade que de cantidade.

Xa o xenial Cunqueiro, nun dos seus relatos onde nos presenta ao rei Salomón dubidando diante do elixir da eterna xuventude, amósanos á pomba Butimar recomendándolle non bebelo, porque a cuestión non é amorear anos, senón que a estes non lles falten o agarimo dos amigos e achegados. Sen afectos, unha existencia eterna non tería sentido e sería «una ausencia eterna» na que «olvidando y olvidado, vivirás…». (Tertulia de boticas prodigiosas, 1976).