Barallete

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi o intelectual galeguista ourensán Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben Cho Shey) o primeiro que profundizou no barallete como xerga dos ambulantes das terras ourensáns de Luíntra, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar, Paderne ou Esgos…. Como el, outros tamén estudaron esta fala creada como unha necesidade de expresión pechada, defensiva, para que só arromanasen (falasen) e intervasen (entendesen)  os iniciados dos gremios: naceiros (mestres de oficios), xabarreadores (capadores), melgueiros (albardeiros), e outros, pero principalmente os arreadores (afiadores) e follateiros (paragüeiros). Hoxe, porque as circunstancias e os tempos cambiaron radicalmente, moitos destes oficios son cáseque unha lembranza do pasado, e polo tanto, todo o que está asociado a elas, como neste caso a súa fala, sobrevive nunha situación precaria camiño da desaparición. De novo, parte do noso patrimonio inmaterial esmorecendo sen sequera ter unha mínima protección como a que noutros lugares se lle da ás xergas deste tipo. Eu coñecín o barallete no ámbito familiar. Era habitual escoitalo na miña casa dun xeito coloquial. Meus pais, ambos os dous de Ourense (Xunqueira de Espadanedo e Esgos) empregaban moitas palabras, e grazas a eles aprendín. Agora transmítollas aos meus fillos porque, aínda fóra de contexto, é bo que saiban que tivemos nas nosas mans esta interesante creación popular.

Das xergas faladas en Galicia o barallete adquiriu unha gran dimensión que lle veu dada polo número de persoas dedicadas aos oficios antes mencionados, pola emigración, que afectou de maneira moi directa a eses oficios, e pola súa expansión, que a fixo máis dinámica e universal. «Os arreadores garipos amezaban por todato o redondo arromanando barallete». (Os afiadores galegos estaban por todo o mundo falando barallete).