En defensa da Real Filharmonía de Galicia

La Voz TRIBUNA

OPINIÓN

20 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro da actividade cultural de Galicia, un dos sectores con máis posibilidades de desenvolvemento, proxección social e excelencia é o da música sinfónica e, non obstante, esas posibilidades non se están aproveitando suficientemente. Esa contraditoria realidade aséntase nos seguintes seis puntos:

 1.º A Real Filharmonía de Galicia, única orquestra de titularidade autonómica e, por iso, sobre a que a Xunta ten unha responsabilidade ineludible, xa cumpriu vinte anos acreditando a súa calidade e o seu potencial. Esta orquestra, desde o seu nacemento, está vinculada a un proxecto educativo, a Escola de Altos Estudos Musicais, no seo do que se desenvolve un posgrao universitario que ten por función cubrir o nivel superior da formación musical para instrumentistas orquestrais.

2.º As condicións do Auditorio de Galicia, onde a orquestra ten a súa sede, son excepcionais, e permiten unha ampliación de públicos a través da democratización do acceso á música sen riscos de banalizala con iniciativas de deslocalización ou de dispersión: a música clásica debe democratizarse sobre todo atraendo novos públicos aos seus foros.

3.º Sen embargo, a RFG perdeu presenza noutras cidades de Galicia, coa excepción de Vigo; o proxecto educativo da Escola de Altos Estudos Musicais está a confundirse con outras iniciativas de formación, moi valiosas pero doutro rango e función, que non deben contribuír a diminuír o potencial da formación de alto nivel para a que a escola está destinada.

4.º A relación da RFG coa Orquestra Sinfónica de Galicia, outra grande orquestra con perfil e dimensións non coincidentes e, por iso, complementarios, é case inexistente, dándose unha moi limitada presenza da OSG en Santiago e da RFG na Coruña.

5.º O autismo entre esas dúas formacións e os seus responsables é inadmisible, xa que fai perder oportunidades de desenvolvemento cultural que se podería dar se ambas as dúas se coordinasen para racionalizar repertorios e programacións, intercambiar batutas e instrumentistas e, en resumo, aproveitar ao máximo o recurso que representan para Galicia.

6.º Fronte a esta situación, é necesario recordar que o Ano Xubilar 2021 é unha oportunidade especial para que Compostela e Galicia emprendan iniciativas específicas relacionadas coa música.

Con ese horizonte, instamos a que as autoridades culturais responsables se comprometan nun plan de potenciación e desenvolvemento deste ámbito, garantindo a excelencia para a que a RFG foi creada e fomentando que a relación entre esta e a OSG se consolide para alcanzar unha programación musical óptima en Galicia, que é posible cos instrumentos de que dispón a comunidade autónoma. Nese esforzo, poden contar co apoio dos asinantes deste escrito e, seguro, co das persoas afeccionadas á música de toda Galicia.

Asinan esta tribuna Eduardo Beiras García, Carlos Buján López, Francisco Candela Castrillo, Xerardo Estévez Fernández, Teresa García-Sabell Tormo, José Manuel González Herrán, Juan Manuel Lema Rodicio, Carlos Pajares Vales, Carmen Sánchez Carrera e Xosé Manuel Villanueva Prieto.