Por unha política grande


A política pequena (case sempre dobremente pequena: porque só repara en miudezas e porque a súa óptica é de campo estreito) ten case sempre como finalidade, como xa sinalabamos a semana pasada, ocultar a realidade, distraernos para que miremos para outro lado e, ao cabo, converternos á ignorancia. 

Os grandes problemas, os que requiren cintura política, preséntansenos como «líos» (Rajoy dixit): o independentismo, as actitudes asemblearias dalgúns partidos, as reivindicacións territoriais...). Pero é ben claro (e quen non o teña claro é que non ve o que hai nin o que pode haber) que o independentismo, por exemplo, dista moito de ser un «lío». É un problema, e gordo, nunca tratado como tal, senón cunha frivolidade que desconcerta a calquera.

Non só o Goberno, que tamén moitos medios ven «líos» onde hai problemas. ¿Cantos deles fixeron un mínimo esforzo para que ese problema se comprendese e se lle procurasen solucións prácticas, máis alá dos tópicos joseantonianos tan caros a uns como a outros, que tranquilizan e dispensan de pensar?

¿Coñece alguén algún esforzo, veña de onde veña, por dar de España unha idea da súa realidade total, sen exclusións, con expresa inclusión da riqueza que encerra a súa diversidade, das razóns e medios para potenciala, do orgullo que todos deberan sentir por habitar nun país cheo de verdadeiras potencialidades non desenvolvidas? Non, as potencialidades, aquí, son «líos».

¿Somos un país ao revés? Pois iso semella, xa que en vez de fomentar o coñecemento e o amor pola diversidade, e a súa debida ordenación, nos entregamos a ocultala, a negala ou, tamén, a perseguila. Trátase, ao cabo, dunha incultura -non teño sobre isto dúbidas racionais- que o poder dos incultos impón á nosa sociedade. Un desconcerto de país.

Votación
17 votos