A cada quen, segundo a súa capacidade

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

14 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha somera ollada á visibilización das mulleres na ciencia confirma o grande descoñecemento da maioría da poboación, mesmo agora, co acceso á educación garantido e cada vez maior presenza neste eido, tan masculino e masculinizado. Nunha enquisa na rúa para propoñer nomes de científicas galegas actuais, o «non sei» gañaría por goleada. Porén, comeza a haber moitas e moi boas.

Eis o caso da neuróloga Susana Martínez-Conde, directora do Laboratorio de Neurociencia Visual do Instituto Neurolóxico Barrows (Phoenix, Arizona), onde investiga a relación entre as experiencias visuais e as bases da consciencia. Ou de Sonia Villapol, tamén neuróloga, experta en dano cerebral no NIH (Instituto Nacional da Saúde), prestixioso centro de investigación médica estadounidense, previo paso polo Centro Nacional de Investigación Científica de Francia a onde emigrara «para ter un futuro claro».

Ou a inmunóloga África González, situada na elite europea de emprendedoras en innovación, elixida este mesmo ano como unha das doce empresarias europeas máis destacadas. A súa compañía, Nanoimmunotech, desenvolve nanopartículas e produtos de diagnóstico ou medicina rexenerativa para 45 países. Ou a doutora Alicia Estévez Toranzo, membro da Real Academia Galega de Ciencias, referente internacional en patoloxías de peixes e elaboración de vacinas para acuicultura. Ou a bióloga Carmela Porteiro, que foi vicepresidenta do Consello Internacional para a Explotación do Mar, órgano asesor intergubernamental da UE en xestión das pesquerías.

Ou a bióloga Vanessa Valdiglesias, que mereceu no 2015 o premio europeo da Sociedade Europea de Xenómica e Mutaxénese Ambiental para o mellor investigador novo na súa especialidade. Despois da marea negra do Prestige, participou nunha investigación pioneira no mundo sobre os efectos do fuel na saúde, polo que tamén foi requirida para participar no grupo de asesores formado polo Goberno dos Estados Unidos cando o desastre da plataforma petrolífera Deepwater Horizon, no golfo de México.

Haberá que ir pensando en facer acopio de lentes violetas e seguir o exemplo do Observatorio da Mariña pola Igualdade que dedicou a súa Axenda Feminista do 2016 a doce científicas galegas. Porque outro xeito de observar, e contar, o mundo que estamos a construír entre todas e todos, é posible, por máis que a Real Academia Española teime en declarar «incorrecta» a diferenciación. Ben se sabe que o que non se nomea, non existe e hai que poñerlle luz a tanto talento feminino con capacidade máis que sobrada e demostrada.

Como se di na parábola que vén a conto, un home quixo repartir os seus bens entre os seus servidores ao ter que marchar fóra. A un deulle cinco talentos, a outro dous, e a outro un, seguindo o ecuánime criterio de «a cada quen, segundo a súa capacidade». Son palabras maiores.