Foro de Portonovo (XI edición)

Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

14 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Inaugurouse no ano 2007 coa denominación Foro de Portonovo Ramón de Valenzuela. Naquela edición, o escritor Valenzuela (1914-1980), importante voz galega no exilio arxentino, foi glosado e gabado por amigos e compañeiros. Desde o 2007, 75 ou 80 comensais asistimos, nun día de xullo, a un xantar no que hai poesía, canción e evocacións de persoas que nos acaban de deixar. Nalgunha edición houbo monologuistas como Cándido Pazó e homes de teatro como Julián Rodríguez Novo, que dirixiu no 2015 o primeiro drama sociolingüístico galego protagonizado por un tribunal franquista. Non escasean os poetas, de musas moi distintas: Xesús Rábade Paredes, Helena Villar Janeiro, Fernández Abella, Xesús Redondo Abuín, Luisa Cayetano…

 

Quen nos acolle na súa casa é Luís González López, Ferreiro na clandestinidade anterior a 1976, que cumprirá o 2 de agosto 79 anos e que é un prodixio de xenerosidade e de radical cordialidade, características que non minguaron nunca as adversidades, incluídas as torturas inflixidas pola policía na Comisaría da Coruña en 1969. O 1 de xullo celebrouse a undécima edición, que se abriu cunha lembranza de Mariví Villaverde (1922-3/4/2017), outra voz galega importante no exilio arxentino, a autora dun libro memorialístico excepcional, Tres tiempos y la esperanza (1962). Foi a escritora Carmen Blanco Ramos quen nos ofreceu a súa conmovedora gabanza. A continuación, a profesora Olivia Rodríguez González presentou o seu discípulo Francisco Novoa Blanco, autor dun magnífico traballo titulado Marcos Ana: palabra, prisión y vida.

Como hai cen anos que naceu Evaristo de Sela, o tradutor ao galego da Ilíada e da Odisea, eu dediqueille unhas palabras a tan singular helenista, que foi, tamén, un poeta, en galego e en castelán, antifranquista. Laura Pérez Landeira, rapsoda insigne, recitou, como só ela sabe, o Responso indignado (Coplas de maldecir ante el cadáver de Franco). É unha execratio de 174 versos que non ten par. Escribiuno o autor, calamo currente, a noite en que morreu o tirano, e neles trousou a carraxe, o medo e o noxo que o autor foi acumulando durante corenta anos, sete deles hóspede nas prisións franquistas. Fidel Castro foi evocado por Carlos Portomeñe nun texto preciso no que puxo o acento nas raíces luguesas (Láncara) e nalgunhas das súas palabras máis memorables sobre a iniquidade do capitalismo contemporáneo. Á hora dos doces e das lambetadas, os comensais, nemine discrepante, gabaron afervoadamente a tarta de améndoa feita por Aurora Murias: polo ben que soubo e pola iconografía (a fouce e o martelo).