O fenómeno Resurrection Fest

Miguel Sande Corral
Miguel Sande DE COTÍO

OPINIÓN

10 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sick Of it All. Ese é o nome clave. Este grupo neoiorquino de hardcore punk está na orixe do Resurrection Fest. Era o predilecto dunha panda de rapaces que tentaban tocar rock e metal e que un día argallaron traelos a Viveiro só para teren ocasión de participar nun concerto canda eles. E foi. Na praia urbana de Covas. No 2006. Como toda loucura ou ousadía -para materializala- ten de haber cómplices; atopárono no entón alcalde de Viveiro. Melchor Roel daba o perfil: progre, en tempos do PC, do máis clandestino; gustaba dos versos de Benedetti e da canción protesta. Coa súa melena, vaqueiros e zurrón sempre ás costas, cando chegou á alcaldía a maior curiosidade era saber se ía vestir garabata e comandar as procesións de Semana Santa. E si, participou nos pasos e na celebración e despois, iso si, impulsou cun rapaz de só 18 anos un festival da música máis extrema.

No recinto do Resurrection Fest hai un acceso principal que leva o seu nome en gratitude; curioso, é unha avenida dedicada só por tres días, en cada edición; o resto do ano volve ser un campo un tanto descoidado detrás da piscina municipal. Francamente, ninguén apostaba un euro por este festival. Cando comezou a chegar máis e máis xente rara con cristas de todas as cores, camisetas negras con cranios e tatoos e foron enchendo todas as zonas de acampada, había ata certo temor; nunca se viran en Viveiro tantos furgóns antidisturbios en ringleira situándose en zonas estratéxicas da cidade. Xamais aconteceu nada grave. Hoxe ocúpanse habitacións e suites nos hoteis de maior categoría; non queda unha soa praza baleira, a pesares de que se triplican os prezos nos días centrais de concertos. Lei de mercado seica. E a seguridade extrémase, pero é xa para previr accións externas. Calcúlanse uns 70.000 fans. Eis o gran cambio, tamén de mentalidade.

Agora hai xa dúas citas grandes, relevantes, cada ano que dan unha singularidade especial a Viveiro: a súa Semana Santa Internacional e, apenas dous ou tres meses despois, o Resurrection Fest; esta transformación tan radical non debe suceder en ningún outro lugar do mundo. Brutal. Onde de antigo se abría e limpaba o peixe para as conserveiras, alí en Celeiro, agora soa co maior estrondo o metal máis industrial, o hardcore e o punk e o seu eco resoa -mar por medio- en toda Europa con apoio xa de todas as institucións. Motörhead, Iron Maiden, Rammsteim e 400 bandas máis, cadansúa máis underground. Nun recanto ao dobrar o mapa.