Zulueta, fiel, leal e sempre benéfico

Antón Vidal Andión

OPINIÓN

29 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Remato de recibir a nova do pasamento do meu amigo Alfonso Zulueta de Haz. Faise moi difícil ordenar as ideas neste momento para resaltar unha personalidade tan poliédrica, tan vitalista e comprometida coas diferentes épocas que lle tocou vivir.

 Coñecín a Alfonso no remate dos anos sesenta do século pasado en Pontevedra, sendo eu estudante de bacharelato e el presidente do Ateneo, o único lugar da cidade onde se respiraba certa liberdade, e no que a mocidade acudía aos diferentes ciclos de conferencias. O Ateneo era o fiel reflexo daquela sociedade en cambio, onde convivían franquistas con demócratas.

Quixen iniciar esta acordanza con esta pasaxe da súa vida, que sei que marcou a súa personalidade e forxou o seu carácter democrático e participativo.

Onde se afirmou a nosa amizade foi en Vigo, van alá corenta anos, compartindo responsabilidades nas editoriais Sept e Galaxia, así como nas súas fundacións (Penzol, Otero Pedrayo, Isla Couto). En todas elas deixou a súa pegada de home equilibrado e íntegro. Sendo nestes últimos anos o eslabón necesario para a transición entre a xeración Galaxia e os máis novos.

As súas actividades públicas abrangueron todos os eidos sociais. Así, durante a transición democrática, defendeu a necesidade de fortalecemento da mesma, e a recuperación do autogoberno para construír a nación política e institucional, o que o levou a participar activamente en política fundando o Partido Galego Social Demócrata e posteriormente na refundación do Partido Galeguista en 1978.

Rematada a súa participación na política activa, o seu labor centrouse no mundo cultural, destacando a súa colaboración no grupo Galaxia e as fundacións, no Consello da Cultura Galega, onde alcanzou a súa presidencia, así como tamén foi o primeiro presidente do Consello Social da Universidade de Vigo. Pero quizais do que estaba máis orgulloso foi de impulsar a tradución e publicación da Biblia en galego, un dos fitos máis importantes da nosa cultura nos últimos tempos.

Toda a súa vida estivo impregnada polo seu cristianismo aberto e participativo. A súa fonte de inspiración foi o Concilio Vaticano II. Este compromiso cristián levouno a traballar polas necesidades sociais. A súa obra inicial foi a creación no seu primeiro destino notarial, en Gaucín, dun padroado para a erradicación do analfabetismo. Logo funda xunto coa súa dona, M.ª Teresa, no 1968, en Pontevedra a Asociación Juan XXIII, exemplo de dedicación a formación e promoción integral das persoas con discapacidade intelectual, e máis recentemente constitúe en Vigo a Fundación Sálvora, en 1990, para a tutela dos discapacitados intelectuais.

Hai sobre todo dúas características da súa personalidade que influíron na súa longa e importante vida, o optimismo e a perseveranza. Inquebrantable, honesto, fóra de calquera petulancia, nunca aceptou privilexios de ningún tipo, sempre provisto do mellor da condición humana.

Sempre levou a Galicia no seu ser, pois sabía, como galeguista, que para servir a Galicia, é preciso culturizarse nela, coñecela, amala, sentirse suxeito activo da súa historia, ser sempre fiel e leal con ela.

Grazas, Alfonso, polo que nos deches e deixas.