Abandono forestal inflamable


Aquí a forestalización é unha forma de abandono. Levamos décadas desertando do arado e da corte e plantar árbores foi a última posibilidade de non deixar as terras a poulo, alí onde xa non queda xente nas casas. As árbores dan algo de diñeiro e evitan o bravo. Fagámonos a pregunta: por que toda Europa está cultivada menos esta esquina verde alongada pola Lusitania abaixo? Onde van as nosas terras de pantrigo e centeo, as hortas e cortiñas, as froiteiras das mariñas e das ribeiras, as oliveiras extensas do interior? Só leite, algo de gando de carne, e grazas! Para o outro seica non estabamos dotados. Salvouse o viño por teimosía pluriativa e obrouse a milagre do éxito. A hiperespecialización forzada matou ao agro e non o fixo máis remunerador, senón máis inflamable.

Para chegar a isto que temos houbo un proceso de cambio que forzou á sociedade e á natureza transformada por ela. Implicou primeiro a derrota da visión conservacionista que algúns enxeñeiros tiñan dos bosques e tamén das lóxicas labregas de aproveitalos. A política autárquica comezada nos anos corenta expropiou os montes dos veciños para facer repoboacións forzadas, na procura da autosuficiencia en madeira e en papel. Tampouco o incendio de Matalascañas pode entenderse historicamente sen a celulosa onubense. O Estado autoritario pasou por riba de liberdades, propiedades, mercados, historia e persoas, na súa tolemia produtivista. Botaron á xente para repoboar e facer encoros e lograron un deserto demográfico. Outros desecaron o mar de Aral.

Situémonos. Nestas terras da antiga Gallaecia nos últimos dous milenios acabouse paseniñamente co bosque a prol do agro e o gando. Os montes carecían de arborado, pero tiñan moitas funcións agropecuarias. Hai 80 anos, non había o oitenta por cento das superficies forestais de hoxe. Nos anos vinte, houbo repoboacións públicas nas serras do sur, cando no norte o meu avó Rosendo aprendía a cubicar para tirar partido dos piñeiros que el e os seus veciños viñan de plantar, aló onde os Allegues xa eran madeiristas o mesmo que o Cambón de Ponte-Maceira, aquí preto dos piñeiros que Castelao debuxaba nos seus cadros. Daquela os enxeñeiros Nagusia, Feneche e Valenzuela xubiláranse xa pelexando por repoboar montes como o Xiabre. O empeño íalles na profesión, pero a frustración acumuláraselles por décadas até que por fin comprenderon as lóxicas labregas e lograron empatar cos paisanos.

É difícil sintetizar en tres mil caracteres todo o que profesoras e profesores como Bouhier, Balboa, Rico, Leiceaga, Corbelle, Loureiro, Freire, Soto, Andión, Alberti, Guitián, O’Flanagan, Villares, Frá, Fierros, Sineiro, Sotres, Iglesias, Gueimonde, Arias e tantos mais levan dito -e debatido- sobre o asunto. Non hai solucións únicas nin fáciles, pero seguimos a tempo de aprender e rectificar. Algúns deles mesmo tiveron responsabilidades políticas e sufriron o populismo incendiario (1989, 2006) que choeu opcións e construíu desastres como os que viñeron e están por vir. Máis árbores, menos xente, máis abandono, máis incendios.

Votación
16 votos