O garda civil e os ladróns

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

26 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo  na Voz esta concisa noticia: «A Garda Civil abre fogo contra uns ladróns no Milladoiro. O instituto armado, que aclara que non hai feridos, abriu unha investigación para saber se o axente actuou correctamente». Enténdese que se trataba dun axente e de varios ladróns. Por curiosidade, leo os comentarios dos lectores, que eran quince no momento en que redacto estas liñas.

Cunha única excepción, que sinala que os axentes de orde deben ser moi coidadosos co uso das armas de fogo, polos posibles danos colaterais, todos os demais apoian e felicitan ao axente pola súa actuación.

As razóns do apoio son variables, desde os que destacan o clima de inseguridade e a impunidade de moitos delincuentes, ata os que aseguran que tamén habería que disparar contra Rato, Bárcenas e demais acusados de corrupción.

Por ser nena da posguerra, moza no 68 francés e lectora apaixonada de Lorca, gardo na miña memoria unha imaxe sinistra dos homes de tricornio. Pero o mundo e as persoas damos moitas voltas e hoxe confeso a miña admiración e respecto pola benemérita, sentimentos compartidos, creo, por unha maioría de españois.

Con todo, estes comentarios leváronme a temer que esteamos ante outra nova volta da sociedade, a que representan eses lectores que reclaman que se dispare a calquera sospeitoso. Ante a falta de máis información, o sensato paréceme que é congratularse de que o instituto armado abra unha investigación. O de «primeiro disparar, despois preguntar», ademais de ser perigoso polos danos a terceiros, non é desexable como sentimento nun pobo civilizado, nin recomendable para quen ten como principal función protexer as liberdades e garantir a seguridade dos cidadáns.