Un planeta máis limpo e mellor

OPINIÓN

19 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Temos probas concluíntes de que o planeta en que vivimos corre moi diversos e moi graves riscos, dende o chamado cambio climático ás ameazas da vida do mar, e, por iso mesmo, ameazas e riscos que asexan á nosa vida mesma, en especial á nosa calidade de vida, mesmo á nosa saúde e tamén ao noso benestar.

 Sábese que a temperatura do planeta vai a máis por mor da concentración de gases de efecto invernadoiro que proveñen da queima de produtos tóxicos, como o petróleo e o carbón. E sábese que esa temperatura se foi incrementando nos últimos cen anos, en especial nos trinta anos finais dese período. Consecuencia: que os glaciares se derreten e se teñen alterado as condicións meteorolóxicas, entre outras calamidades.

Da mesma maneira, a vida nos océanos está sendo deturpada e ameazada polos vertidos incontrolados e, en especial, pola gran cantidade de material plástico, que xa forma illas como continentes e que pon en perigo moitas especies, de grande e de pequeno tamaño, podendo chegar a desaparecer algunhas delas.

Algúns estamos convencidos de que eses problemas deberan ser hoxe o capítulo señor da política dos Estados, de todos eles. O que mesmo produce abraio é que só interese aos partidos ecoloxistas, como se a vida e o futuro de todos nós non dependese, e dunha maneira radical, de dar solucións imaxinativas e eficaces a problemas tan vitais.

Debemos saudar con gozo iniciativas como as do concello de Tomiño, en canto á limpeza dos seus ríos polo mozos, ou a da asociación Mar de Fábula, de Ponteceso, entre outros. Por aí se empeza, por concienciar á sociedade dende a raíz, nas camadas máis próximas á realidade. Así, algún día, ao mellor, os nosos políticos abrirán os ollos e procurarán solucións -se chegan a tempo-.