A pintura fotográfica

OPINIÓN

16 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Primeiro foron a pintura e a escultura as que dominaron os espazos públicos de índole museística ou as coleccións privadas. Despois, con varios séculos polo medio, fómonos axustando todos (sobre todo os expertos) ás novas demandas artísticas de fotografías, filmes ou vídeos. Chegamos así ao que Walter Benjamin chamou a «era de reprodución mecánica», con novas preguntas sobre como presentar estas obras, como preservalas e como comercializalas. E niso estamos agora, tratando de dilucidar o caso.

Hai pouco achegueime ao Centro de Arte Tomás y Valiente de Madrid para ver unha exposición do pontevedrés Carlos Rodríguez, un fotógrafo ben acreditado que, como puiden comprobar, dá pasos de xigante no desafío artístico de chegar á fin última da súa creación: expresar a beleza substancial e harmónica do real, do que temos diante, do que é transición do que foi cara ao que vai ser. O artista logra facernos crer que é pintura o que vemos, porque a súa fotografía logra que pareza pintura. Así entramos no significado profundo da filosofía foto-artística, que non consiste en retratar, senón en sorprender unha realidade e transformala dun xeito tan certeiro que pareza unha pintura.

O resultado é unha imaxe que, á fin, resulta unha superación da propia realidade. Porque, neste proceso artístico, está o labor de escolla do autor, a compensación de luces, o contraste de cores, a profundidade de campo, o uso de velocidades lentas, etcétera, para confrontar así o dominio das técnicas fotográficas cos resultados dunha hipotética pintura. «O pintor pinta a luz, eu vouna buscando», di Carlos Rodríguez. E quizais ten razón. Porque ao final da pintura ben puidera estar o lóstrego da súa cámara de cazador de intres. ¿Pintura fronte a fotografía? Non, porque neste caso a fotografía aparece como o derradeiro espazo escollido -con criterios certamente artísticos- para amosarnos os eixos reais de todo un mundo en transición, que é, xaora, o noso mundo real, en constante cambio, tamén desde a perspectiva arquitectónica. Carlos Rodríguez atina a desvelar todo isto coa ambición e o acerto dun bo coñecedor do estado das artes.