A balsa de pedra

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

12 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

É tan grande a altura literaria de Alvaro Cunqueiro que hai tempo que deixaron de interesar as súas preferencias políticas. Coa súa obra foi quen de demostrar que as fixo compatibles co amor e dilección por esta nosa lingua na que acadou cumios non superados. Cando Manuel Fraga foi Ministro de Información e Turismo, o mindoniense xa levaba tempo publicando, indistintamente, en galego ou castelán. Foran case veciños no Lugo e mantiñan unha amistade natural entre quen mocearon a un tempo, alén da circunstancia de ser o escritor unha figura cómoda para o réxime. Nunha entrevista que lle fixemos Perozo e máis eu en 1980, preguntámoslle que opinaba o ministro de que publicara textos en galego de autores disidentes do franquismo. Respondeu que, ao non estar prohibido explicitamente o seu uso literario, puido darlle entrada a poetas e escritores que admiraba e, ademais, o precisaban. Non sen risco, porque o andaluz Juan Aparicio que fundara a Escola de Xornalismo, figura relevante da prensa na ditadura e estreito colaborador de Fraga, advertíralle seriamente ao respecto: «Tíñalle moito máis medo ao galeguismo ca o catalanismo porque, á longa, era unha ponte para Portugal, onde podía haber un verdadeiro separatismo con éxito se fose capaz de captar a Galicia...». Anos despois, en 1986, publicou Saramago a súa Jangada de pedra, aquela balsa na que se convertera a península ibérica, amiño da utopía. Nestes tempos de arelas secesionistas en Cataluña, lembro aquel temor que non se correspondeu coa realidade. Porén, nunca como agora boto de menos que máis que nos separar, converxésemos nunha confederación ibérica: portugueses, galegos, vascos, cataláns e o resto dos pobos que habitamos nun territorio peninsular tan peculiar e diferenciado do resto do continente. Xa sei que falar destas cousas agora mesmo son gañas de amolar, xusto cando Escocia quere marchar do Reino Unido. O Reino Unido quere marchar da Europa. Cataluña quere marchar de España. E o resto do mundo quere marchar da influencia terrorífica da grande potencia trumpiana antes de que estoupe o planeta con todos dentro. Porque, se en vez diso, estivésemos en tempos de falar de política con maiúsculas e fose tendencia a visión de futuro, poderíamos maxinar unha unión que conxugase soberanías recoñecidas con soberanías compartidas -desde a cohesión- con fortaleza e credibilidade nese espazo común que é a Unión Europea.