Por unha esperanza real

OPINIÓN

12 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A diferenza entre unha política grande (a que é creadora de ilusións asumibles pola sociedade) e a política da miseria (de adroleiros e de falcatruadas) é que a primeira é creadora e a segunda desmoralizadora. A política grande é transformadora e a miserable só orixina escepticismo, pouca ou ningunha fe, pasividade e abatemento.

A desmoralización da nosa sociedade é orixinada por moitas causas, entre as que, ao noso ver, está a xeneralizada falta de ética, o nulo ou pouco interese polo ben común á par da utilización sen miramentos do que é ou debera ser de todos para o medro persoal e privativo. A economía, a xustiza, os bens da comunidade, non poden ser tan mal utilizados que orixinen privilexios para uns cantos e pobreza e miseria de para os mais. É unha política sen grandeza aquela que, para crear riqueza e opulencia en moi poucas mans, orixina pobreza e miseria nunha inmensa maioría, e que crea, por iso, desigualdades ofensivas e contrarias ao ben común, e leva a unha terceira parte da poboación a situacións de pobreza, polo demais feito evidente neste país.Os intentos de influír na xustiza, o distinto trato a bancos e banqueiros do que merecen o común dos cidadáns, a miseria dos salarios fronte ás fabulosas indemnizacións a directivos que por riba arruinaron as súas empresas, a política entregada ao capital financeiro... son exemplos entre os moitos que orixinan a desmoralización da nosa sociedade. Diría que nin sequera nos ofrecen ou prometen os partidos unha política grande que nos convenza de que acabar con esa manchea de despropósitos entra nos seus programas. Unha sociedade desmoralizada é merecente, polo menos, desa ilusión e que poida contar cunha esperanza real. Non a vexo nin a adiviño por ningures.