Canto custa a AP-9?

Manuel Lago
Manuel Lago DE COTÍO

OPINIÓN

07 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O debate sobre a transferencia da competencia sobre a AP-9 é a fase previa dunha cuestión máis profunda: o hipotético cambio na propiedade da principal infraestrutura do transporte do noso país. Un debate que ten unha pregunta central, cal é o prezo que habería que pagar para comprar a AP-9? Obviamente non é unha estimación sinxela de facer, pero dada a natureza xurídica da empresa e a información económica dispoñible é posible aproximarse cun certo nivel de precisión á cifra.

Audasa xestiona a autopista como concesionaria dunha infraestrutura que é propiedade pública e, polo tanto, no 2048, ano no que remata o período de concesión, terá que devolvela en perfecto estado de conservación. O criterio técnico de valoración máis utilizado para unha empresa con estas características -unha concesión con período de explotación determinado- é o fluxo dos beneficios esperados. Isto é, os beneficios que se estima que vai obter nos 30 anos que lles restan de concesión.

Entre o 2006 e o 2015, Audasa gañou 37,2 millóns de media nos últimos 5 anos, unha cifra que, elevada aos 30 anos que restan de concesión, determinan un valor de 1.117 millóns. Este calculo directo habería que perfeccionalo con dúas hipóteses. Primeiro, facendo unha previsión sobre a evolución dos beneficios que pode obter a empresa ata o 2048, que depende fundamentalmente do número de usuarios (IMD) e da variación das tarifas das peaxes. E despois, actualizando ese fluxo de beneficios ao seu valor no 2018. Agora ben, como cada factor actúa en dirección oposta, e ambos están moi vinculados ao IPC, se compensan e, polo tanto, o resultado final tende a cero.

Polo tanto, algo mais de 1.100 millóns de euros sería o prezo teórico para a compra de Audasa, pero se fose a Administración publica a adquirinte o custe neto sería inferior. A razón é que dende hai tempo a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento compensan a Audasa pola eliminación das peaxes no Burgo e Rande, pagos que foron de 13,2 millóns no 2015. A cifra no período da concesión suporá 390 millóns, cantidade que obviamente habería que descontar do prezo. Polo tanto, de ser a Administración publica a compradora da empresa, o prezo final sería de 727 millóns.

Para valorar o impacto destas cifras nas contas publicas é útil recordar que a Xunta de Galicia ten que pagar 1.638 millóns de euros ata o ano 2040 ás empresas que construíron autovías baixo a fórmula da denominada colaboración público-privada. Ou que o Goberno central vai ter que pagar 3.500 millóns de euros a bancos e fondos de investimento para rescatar o ruinoso negocio das autopistas radiais de Madrid, que teñen un número de usuarios que non chega nin á terceira parte dos da AP-9.

Audasa está en venda. Outra vez fondos de investimento norteamericanos queren comprar o grupo empresarial propietario da AP-9. Seguimos socializando perdas e privatizando beneficios. Por que non é o Estado o que compra a AP-9 e a pon de verdade ao servizo do interese público?