Milagres en política

OPINIÓN

29 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen non crea nos milagres aí ten o que acadaron os conspiradores do PSOE, os diversos dinosauros: quixeron destruír a un secretario xeral do partido, elixido pola militancia, e convertérono nun líder político. Quedan, pois, eclipsados os milagres das vodas de Caná e similares. Xa é difícil! 

A democracia para os dinosauros é secundaria. O primeiro é manterse nos seus cargos. Por iso promoveran unha candidata atípica pero manexable, valeira pero de docilidade manifesta, unha gañadora que se volveu de pronto perdedora con estrépito. Cantan agora a palinodia de que toca apoiar ao novo líder (que para iso o crearon eles da nada). Supoño que non hai quen os crea. Os dinosauros non aprenderán nada da soberana lección que recibiron, porque o seu disco duro xa non grava.

Nin sequera saben que pertencen ao pasado, incluídos os apoios dos medios, que de ben pouco lles serviron. E xa non digamos os que prestaron as súas plumas para o aldraxe e a mentira. Pois a lección é de tales proporcións que non se lembra nada semellante en ningún outro país. Non importa, aposto a que nada aprenderon.

A hora da verdade chega agora para Pedro Sánchez: os grandes problemas do país son ben coñecidos. E vai ter moitas dificultades para resolvelos, incluso dentro do seu propio partido. Mala cousa se non empeza por cambiar en redondo o seu equipo económico, seguidor de políticas absurdas e orixe da crise total da socialdemocracia.

Non podemos confiar en que ao milagre dito, de facer da nada un líder político, siga agora que este faga o de levar racionalidade á política deste país. Vai intentalo, seguro, pero o principal inimigo teno na súa propia casa -nos dinosauros-. E ollo, porque están feridos e bafexan. Un animal ferido é sempre perigoso.