Corenta anos máis


Pasados os fastos das Letras Galegas cómpre lembrar os que traballan os outros 364 días do ano para que a lingua e a cultura galegas non sexan un ben de museo ao que sacralizar cun día santo. Porque neste país no que todo pasa e se esquece, hai rarezas marabillosas que perviven coherentes no tempo. Unha delas é a Fundación Premios da Crítica de Galicia, que vén de facer corenta anos de acción ininterrompida. Coa vontade de prestixiar a cultura, os Premios da Crítica nacían en 1977 da man dun grupo de mozos e mozas apaixonados que asumiron esa loita necesaria. Seguramente por vontades coma esa, hoxe o galego resiste no eido das actitudes, e o recoñecemento da dignidade da nosa produción artística é practicamente unánime. Corenta anos despois, edítanse vinte veces máis libros en galego, o índice de alfabetización na nosa lingua rolda o 100 %, temos unha Lei de Normalización Lingüística que, malia incumprida, é un punto de encontro absoluto; pero fálase vinte veces menos galego e o descoñecemento cultural do noso é preocupante. A interrupción da herdanza lingüística (eses pais galegofalantes que comezaron a criar os seus fillos en español e que agora xa son avós) é un feito probado, e todas as que temos crianzas en idade escolar sabemos o que supón a loita descarnada contra un entorno no que nos sentimos estranxeiras na propia terra. Por iso, aniversarios coma este dos Premios da Crítica lembran que o soño galeguista é posíbel e fermoso, mais cómpre máis ca nunca a teimosía dos entusiastas e a responsabilidade da sociedade civil, que é quen verdadeiramente ten a capacidade de lograr que a política faga o que ten que facer.

Votación
21 votos