Cortemos isto de raíz

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A intención era escribir sobre Marta Ferrusola. Fascíname esa personalidade á que non lle treme a voz para dicir que só foi a Andorra media ducia de veces a esquiar. Imaxínoa na neve branca e impoluta, como a súa conciencia. A mesma que se ofende porque hai quen pensa que os seus fillos «están forrados», asegurando que non teñen un peso.

Se eu tivese que mentir dese xeito, a voz converteríase nun fío inaudible. A ela non. As «madres superioras» sempre din a verdade.

O dito. Que ía escribir sobre isto. Pero non podo. Non podo porque teño a sensación de estar vivindo un cataclismo neste mundo. Quizais por partes, ou pode que sexa que só comezo a ver os farrapos do mesmo pero... algo gordo está pasando. Non poden acontecer tantas desgrazas xuntas, non así. Un castelo inchable que salta polo aire levando por diante a infancia dunha cativa. Un ascensor que se desfai e sega o futuro de dous adolescentes. Grandes traxedias.

A carraxe aparece cando unha moza, inhabilitada para conducir, manexa un coche e arrasa cun pelotón de ciclistas. Dous deles perecen no acto. As imaxes do cortexo fúnebre en bicicleta, silenciando a dor... atravésame corpo e alma.

Logo está ese home que mata ao fillo para facer sufrir, eternamente, á ex-muller. Danme arcadas. E aínda teño que escoitar quen di que tecnicamente é un asasinato, que o de violencia machista... non. Basta xa! Cortemos isto de raíz.