Dúas celebracións

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

14 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira edición do Día das Letras Galegas tivo lugar nun ambiente case exclusivamente académico. Hai unha fotografía na que aparecen Salvador García Bodaño, Carlos Casares, Arcadio López Casanova e Xohana Torres no recital poético que se organizou ese ano en Fonseca, na universidade de Santiago de Compostela, cunha conferencia previa do profesor Carballo Calero, que certamente era unha novidade. A primeira sementeira poderiamos dicir. Un ano antes creárase en Santiago a Asociación Cultural O Galo (1961), xérmolo dunha rede de iniciativas semellantes en Pontevedra, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, movemento de base que axiña empezou a espallarse por todo o país e que conformou a primeira gran resposta social a prol da lingua e a cultura nosa despois da guerra civil, incluído o recital de Raimon na residencia de estudantes, en Compostela, en maio de 1967, coas letras do cantante valencián traducidas ao galego polos devanditos Salvador García Bodaño e Carlos Casares. 

Logo do recital de Fonseca, naquel primeiro ano de 1963, contan as crónicas que un grupo de mozos e mozas, moitos deles relacionados coa asociación O Galo, marcharon en procesión civica cara á estatua de Rosalía de Castro na alameda compostelá e que alí, ademais de novos poemas e algún discurso espontáneo, contouse afervoadamente o Himno Galego. A policía limitouse a observar.

Tamén contan os que tal viviron que nalgunhas cidades non era posible sacar as mesas de libros galegos á rua porque a autoridade gubernativa consideraba sospeitosa a iniciativa. O próximo sábado, conmemóranse en Vigo corenta anos da primeira edición dos Premios da Crítica Galicia (1977), otra iniciativa de base.

Nos anos da Transición de novo empezaban as mobilizacións a prol da identidade, defensa e uso do idioma, e mais a prol do espallamento e coñecemento da literatura, neste caso unha proposta complementaria (nunca enfrontada) daqueloutra de 1963.

O próximo sábado reunirémonos os amigos destes Premios, que nunca deixaron de se convocar durante todo este tempo, para celebrar non a súa creación, senón algo máis difícil: a súa continuidade. ¿Por qué poño enriba do papel ámbolos dous acontecementos?

Sen ánimo de comparar, un e outro expresan algo que me parece fundamental: a movilización (a iniciativa) da sociedade civil. Abofé que non son as únicas, mais parécenme relevantes dunha situación que, afortunadamente, segue a medrar.

Dende aquela primeira celebración das Letras, en 1963, van 54 anos. Dende a primeira edición dos Premios da Crítica van 40.

Estes días Galicia toda está a vivir un movemento cívico de afouteza (permítanme volver utilizar a palabra): institucións públicas e privadas, empresas comerciais, organización sindicais e políticas, asociación culturais, concellos, colexios, universidades… ¿Faltan moitas? Certo.

A botella medio chea. Pero coa ilusión de seguila enchendo.