Carlos Casares e a cultura científica

Francisco Díaz-fierros DE COTÍO

OPINIÓN

12 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Casares tivo desde sempre unha idea moi aberta do que entendía por cultura e que tentou levar á práctica na súa etapa como presidente do Consello da Cultura Galega (1996?2002). A ciencia sempre a considerou como algo propio da cultura, entendendo que esa interpretación reducionista que só tiña en conta actividades referentes ás artes ou ás letras correspondía a unha visión antiga e limitada. Por iso creou no ano 2000 dentro da institución que presidía a sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade para o estudo das pegadas que a ciencia e a técnica ían deixando nos valores e formas de interpretar a realidade en Galicia.

Ao tempo que defendía esta visión integradora da cultura, tamén era consciente do afastamento que seguía a existir entre as «dúas culturas», a científica e a literaria-artística, e a necesidade urxente de ir tendendo pontes entre elas. Definíase como un home que escribía obras de literatura, pero tamén como unha persoa preocupada polos problemas do seu tempo, entre os que non eran temas menores os relativos á ciencia e á técnica. Por iso, nada do que tiña que ver con estas disciplinas lle era alleo.

Este espírito curioso e atento a todas as novidades científicas foise orientando no final dos anos oitenta cara á nova física que nacía da ruptura cuántica e relativista. O seu biógrafo e amigo ourensán Manolo Rodríguez conta como ficou absolutamente abraiado coa lectura do libro que lle emprestara sobre Dios y la nueva física (1988), do divulgador científico Paul Davies. Arrebatouno de tal xeito que desde aquela non deixou de mercar e devorar todo canto libro ou artigo que, sobre esa temática, caera nas súas mans. Á súa maneira, foi un experto nestas materias coas que mesmo chegaba a discutir con auténticos especialistas. Ese mundo asombroso e «fantasmagórico» (eran as súas verbas) que develaba a nova física do infinitamente pequeno, ao tempo que o descolocaba intelectualmente, atraíao anímica e fondamente dun xeito radical e irremediable.

Malia iso, a penas se lle coñecen referencias directas a estes temas. Só teño información dunha conferencia que deu no ano 1991 no Liceo Recreo de Ourense na que, a pesar de titulala Diálogo entre literatura e ciencia, no que realmente acabou foi nunha descrición apaixonada e rigorosa da nova física cuántica. É unha mágoa que o magnífico escritor que foi Carlos, con obras que pasarán ao canon da literatura galega de todos os tempos, non incluíra nelas a ciencia, algo para o que estaba ben preparado. Tiña reparo en introducirse nun mundo no que, a pesar das súas lecturas, non se sentía totalmente seguro? Consideraba que as implicacións da ciencia eran dun cativo valor literario? En calquera caso, para os que cremos no diálogo entre as culturas, podería ter sido un impagable agasallo que a ciencia pasara ás páxinas dos seus inmorredoiros relatos.