Cairón: topónimo antifascista

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

12 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Acaba de saír do prelo o número 1 do Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns, institución, dirixida polo profesor X. Francisco Pardo Teijeiro, que centrará o seu traballo na comarca da Ulloa, ou sexa, nas terras dos concellos de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei. O Boletín ten un título que desconcertará a moitos: Cairón. É un topónimo -un orónimo- que os lectores da poesía de Lorenzo Varela, o ilustre escritor monterrosino, non ignoran, pois figura en dous versos dun dos seus máis famosos poemas, Ofrenda a los franceses, do que fixemos unha edición en quince idiomas no ano 1999 (Ediciós do Castro). Non merecía menos aquel canto a unha data, o 24 de agosto de 1944, día no que as tropas francesas (cunha notable colaboración de españois republicanos) liberaron París da pouta nazi.

O poeta, exiliado por antifranquista en Bos Aires, escribe e publica na capital arxentina Ofrenda a los franceses, que é un canto de gratitude ás tropas que liberaron París, liberación -pensa o poeta- que celebraran todos os antifascistas do mundo, algúns, coma el, no desterro. É tal a gratitude de Lorenzo Varela que se sente na obriga de ofrecerlles ás tropas liberadoras un agasallo, un tesouro de conmovedora valía: unha palabra, o nome dun monte que fora, na súa nenez, o seu «lugar preferido», un monte severo e tenro coma un pai.

Voces moi autorizadas poñen en dúbida a existencia deste topónimo, deste orónimo xa inmortal. Por iso, o editor do número 1 do Boletín, Daniel Salgado, na páxina de presentación, escribe: «O misterio talvez xa nunca se resolva. Con todo, nada hai máis suxestivo que un lugar que (aínda) non existe: a utopía. E esa utopía, a utopía Cairón, que é a utopía da liberdade, dá nome ao Boletín de Estudos Ulloáns…». Se os números vindeiros de Cairón continúan na liña e no nivel deste primeiro, Galicia non tardará en contar cun referente, cun faro, para canta actividade intelectual se centre no estudo rigoroso das nosas terras e comarcas.

É de xustiza mencionar os colaboradores: José de Castro, Patricia Concheiro, Gregorio Ferreiro Fente, Emilia García López, José Ángel García López, M.ª José Gómez Alvite, Pablo Pardo, Sabela Pardo, Xulio Pardo de Neyra, Divina Pérez Viña, Daniel Salgado, Fernando Salgado e Cristina Varela Cadahía. Achegan páxinas novidosas sobre Historia, Economía, Arte, Urbanismo, Etnografía, Educación e Literatura.