O inversor

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

04 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Ramón, o do estanco, era o encargado das finanzas da cuadrilla. Era, digo, porque na actualidade non exerce ese cargo de rigor e responsabilidade. As accións bolsísticas tiveron a culpa. Hai ano e pico encontreime con el na rúa. Corría como se houbese lume no estanco. Non era o caso. «Juanillo, ¿onde vas?», preguntei. El contestou: «Neno, non podo parar. Vou facer unha operación ao banco». Iso dixo, operación, mentres non deixaba de apurar o seu paso frenético. Pola tarde explicoume que esa mañá investira nun valor que caera un 3 %. Era a ocasión de apostar por esa acción a todas luces infravalorada. Daquela a súa cotización estaba nos seis euros. Seis, repito a cifra. Aquela baixada era unha oportunidade. Non habería moitas. Eu díxenllo ao Mariló, e o electricista contestou que só investía en cable, relés, bombillas e tecnoloxía Led. Calei, entre outras cousas, porque o que conta o Mariló para min é dogma de fe. Hai anos díxome que Julen Guerrero acabaría de lehendakari e teño a certeza de que tarde ou cedo ha de cumprirse o vaticinio. Pero non falemos de profecías e centrémonos no Juan Ramón e a empresa da Bolsa na que investiu, correndo como se acabase o mundo, a seis euros por acción. Pasaron os meses e o seu rostro comezou a poñerse macilento, tristón. Ninguén sabía a razón daquela depresión do ánimo. El, tan adicto ás risas e á alegría. Onte coñecemos a causa. Mirando o televisor no bar do Luís empezou a propinar cortes de manga á dereita, esquerda, arriba, abaixo. O telexornal anunciaba: «Novo desplome na Bolsa». A empresa na que investiu o Juan Ramon cotizaba a 0,60 euros a acción. Comprenderán agora por que o noso Juanillo xa non leva as finanzas da cuadrilla.