A verdadeira identificación

OPINIÓN

01 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas nosas sociedades non urbanizadas a verdadeira identificación persoal non se fai nunca polo apelido, que case sempre se descoñece, senón polo nome da casa ou do lugar aos que se pertence. O da casa entre a veciñanza máis próxima e o do lugar para identificación fóra desa veciñanza.

Sábense os nomes do veciños, pero case nunca os seus apelidos. A función identificadora destes prodúcese cando ao nome se lle xunta a designación da casa. A xente pode non ter idea de quen é Manuel Piñeiro, pero seguro que sabe quen é Manuel da Silvosa, ou da Pasarreira ou do Escolante, casa ou lugar que levan á máis completa identificación.

O carteiro, aos domingos e no adro da igrexa, despois dos actos relixiosos, reparte a correspondencia arrodeado de veciños que agardan carta. Vai dicindo nomes e apelidos: un silencio acostuma sentirse a seguido, porque a xente non sabe ben que é Manolo Piñeiro, pero, ao mellor, aparece alguén que di: «É Manolo do Cereixal». Agora si que temos identificado, sen a menor dúbida, ao veciño.

A denominación da casa, ou do lugar de orixe, vén repetíndose por séculos e séculos, e xa non se sabe a que motivacións obedece. Noutros casos, a singularidade ou a condición social do veciño de onte creou o nome de hoxe: na miña terra, a casa do escolante chámase así porque nela houbo un escolante -un mestre-, un veciño singular. E hoxe os seus descendentes son «os do escolante» -da casa do escolante-.

Non semella desavido pensar que esta maneira de identificación é tan vella como a nosa cultura: Pero de Armea, Bernal de Bonaval, Eanes do Viñal, Martín de Xinzo, Pero da Ponte... e tantos outros trobadores e xograres, o que acredita, paréceme, unha tradición viva por igual antes e despois de ser creado o Rexistro Civil.