A ditadura da corrupción

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

25 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Por que non saímos da corrupción? Por que está tan metida na política e tan asumida por un sector da sociedade? Por que non se quere entender a relación entre a aparición dos novos partidos e a repugnancia social pola corrupción? Non se ve que seguir fozando en vez de limpar ten efectos demoledores para o sistema democrático? Como é posible que ata onte mesmo Esperanza Aguirre non estivese definitivamente retirada? A xustiza é lenta pero por que a política tarda máis aínda que a xustiza? A xustiza é lenta polos procedementos pero máis polo obstrucionismo gubernamental, da expulsión de Garzón na Gürtel ao partidismo da cúpula policial e fiscal no caso Ignacio González. O escándalo empezou sendo a corrupción, pero hai tempo que o escandaloso é a falta de reacción política dos partidos implicados e especialmente do PP. Non se ten en conta que o risco é sistémico? Por que non se asumen responsabilidades políticas?

Por que en España non se recuperou nunca a tradicional práctica das comisións de investigación do parlamentarismo liberal? Non se entende que hai unha relación directa entre a falta de intervención transparente dos parlamentos nos procesos de corrupción e a continuidade vergoñenta da corrupción e dos corruptos? O parlamentarismo inglés estableceu hai tres séculos que a responsabilidade política é a derivación da responsabilidade penal dos membros dos gobernos que pode substanciarse na dimisión. Por iso os parlamentos indagan e resolven sobre as actuacións dos gobernantes, antes e máis rápido que os xuíces, a través de comisións. Por iso foron creándose nos sistemas parlamentarios mecanismos coma o impeachment, as mocións de censura e de confianza ou a capacidade de disolver as cámaras e convocar eleccións. A responsabilidade política é diferente da penal nos sistemas parlamentarios polo ben deles e da súa autorregulación política. O caso Watergate foi a perfecta representación do funcionamento de todos estes mecanismos.

Que o parlamentarismo hispano non ten tradición de comisións parlamentarias é un grande erro interesado da actual democracia española que fire gravemente a súa calidade. Dende a Comisión sobre as xoias da Coroa (as de Isabel II), á da corrupción na Compañía de Tabacos de Filipinas ou as famosas de Annual, Casas Viejas ou o Straperlo, o parlamentarismo liberal español coñeceu moi ben a lóxica das responsabilidades políticas. A que se debe pois a suicida e amnésica ignorancia actual sobre estas prácticas tradicionais? Pois á historia, por suposto, ao franquismo. Aí hai que buscar tamén as raíces destas formas de corrupción que se basean no saqueo político do público.

O que está pasando estes días é que a vía xudicial, privilexiada pola dereita fronte á parlamentaria para dirimir asuntos políticos, acaba de saltarlle nos morros. Priorizouna polos réditos que deu, dende os casos de Demetrio Madrid e Barreiro, e porque daquela tiña moito máis poder na xudicatura herdada que na nova democracia. Todo mudou co tempo varias veces e foise sabendo até a náusea. A última novidade é a connivencia dalgúns medios cos corruptos.