Vistos polos de fóra

OPINIÓN

24 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sinto moito respecto e grande agradecemento aos hispanistas de todo o mundo que tanto nos ensinaron sobre nós mesmos, sobre a nosa historia recente ou sobre a literatura e a cultura en xeral deste país, maiormente en tempos en que era imposible facelo dende dentro. Síntome en débeda permanente con todos eles.

Un entre moitos deles é Ian Gibson, autor de investigacións fundamentais e ben coñecidas sobre o noso pasado recente, dende Lorca a Dalí, dende Machado a Buñuel ou dende José Antonio a Rubén Darío. Pero, como moitos outros, interesa moito a imaxe que nos poden dar do país en escritos de contacto directo coa realidade. Teño aprendido moito destes autores cando, sinxelamente, nos comunican o que ven ao camiñar polo país.

Neste recente libro seu (Aventuras ibéricas. Recorrido, reflexiones e irreverencias, Ediciones B), o hispanista fálanos da realidade inmediata que atopa no seu camiño, fai anotacións do que ve, do que esperta a súa curiosidade e tamén do que o alporiza. Amor e tristura a un tempo, como el mesmo sinala.

Sempre resulta excitante a visión dun estranxeiro que ama este país, pero que se atopa coa permisividade da sociedade coa corrupción, coa sucidade de Madrid, coa falta de sensibilidade co sufrimento dos animais, coa descontinuidade da cultura española, coa sorpresa diante dos «tacos ibéricos». Ou que nos dá un axuizamento civilizado dunha federación ibérica. Ou o seu respecto pola riqueza das demais linguas españolas...

Xusto aquí é onde o libro máis me ensina ao darnos unha visión civilizada de moitos problemas vivos, non deformada por ideoloxías baratas, cando non pola incultura. Unha fermosa aventura entrar en contacto coa xa antiga e fonda experiencia hispánica de Ian Gibson. Moitos quedámoslle moi agradecidos.