Traxedias cotiás

OPINIÓN

20 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As repetidas citas na web da opinión do filósofo alemán Peter Sloterdijk sobre as consecuencias da avalancha informativa de noticias tráxicas na vida cotiá demostran a preocupación polo tema. 

Opina Sloterdijk que o ser humano ten unha capacidade limitada para asumir desgrazas alleas e que, cando chega a ese limiar, instálase na indiferenza ou nunha indignación permanente.

O dramaturgo francés Anouilh xa expuxo o tema en A Sauvage, onde a protagonista renuncia á posible felicidade co home que a ama cunha frase terrible: «Sempre haberá nalgures un can perdido que me impedirá ser feliz».

A indiferenza quizá sexa a consecuencia máis frecuente: saltarse a noticia do xornal, cambiar de canle; pechar os ollos, porque xa basta coas desgrazas propias.

A indignación non é máis positiva e pode levar a situacións de extrema violencia, actos vandálicos e vinganzas contra inocentes, ou posturas xenófobas: pechar fronteiras, aplaudir invasións militares, defender a tortura.

Creo que unha postura positiva é colaborar nos intentos de paliar a traxedia allea. Algúns a identificarán coa vella imaxe do rico que dá unha esmola, e con iso tranquiliza a súa conciencia. Pero hai moitas formas de colaborar e cada un debe determinar ata onde quere levar a súa. E despois, ¡a gozar do que a vida nos deu! Estou segura de que mesmo Teresa de Calcuta, de cando en vez, desconectaba.