Os partidos contra a democracia

OPINIÓN

17 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un lector protesta pola Soleira última e dime que o caso da candidata do sur non ten ningunha especialidade, que é o que nestes tempos se adoita e que, lonxe de ser un caso excepcional, a vulgaridade que eu lle atribuía non é senón a xeneralidade do que se estila en calquera outra formación política. 

Todo fai sospeitar, dime, que os candidatos son elixidos, non polos seus méritos, senón pola súa adaptabilidade, e sempre será preferido aquel que mellor encaixe nos intereses do partido, que sexa máis manexable e que cree menos tensións internas. De sorte que, diante desas características, importa pouco a súa valía obxectiva. Por moi forte que este xuízo nos semelle, seguro tamén que non lle falta razón.

Pode que a fonte principal do problema estea nos partidos mesmos, na súa manifesta falta de democracia, dende o dedazo de Aznar aos tortos camiños e atallos seguidos pola Xestora socialista. Vistas así as cousas -e así son, sen a menor dúbida- falar de democracia interna nos partidos non deixa de ser un conto para noites de inverno.

Na súa estrutura actual os partidos non son democráticos, e pode que ese sexa un dos principais problemas da democracia (e non son poucos os que sobre ela pesan). E de moi difícil solución porque son moitos os intereses que se foron creando e nos que senten moi cómodos os máximos dirixentes -as chamadas baronías-. Que llo pregunten senón a Borrell ou a Pedro Sánchez, entre outros.

¿Solucións concretas? Moi difíciles, porque semella, polo que estamos vendo, que os partidos, en xeral, non son conscientes deses problemas. Non sei se algo se pode agardar dos chamados partidos emerxentes, sempre, claro é, que pouco a pouco non se vaian parecendo aos vellos. Non perdamos a esperanza.