No ano Miguel Hernández

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

31 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sabido é que o Congreso dos Deputados declarou Ano Miguel Hernández o 2017, data na que se cumpren os setenta e cinco da morte do maxistral e ventureiro poeta (foi o 28 de marzo). Daquela morte aínda non se falou dabondo: acaeceu nunha sórdida prisión franquista nunhas circunstancias inicuas que proban o inmisericorde que era aquel réxime político. Do capítulo final da súa vida cómpre lembrar un episodio protagonizado por un eclesiástico raposeiro e anticristián, o vigairo Luis Almarcha, que sería, logo, bispo de León e procurador nas Cortes de Franco. Foi el quen convenceu a Miguel, xa sen defensas físicas e psíquicas, para que casase, no cárcere, pola Igrexa, como así foi.

Desde 1942, o antifranquismo silencioso lía, ás agochadas, os versos épicos e luminosos de Viento del pueblo, e comentaba, en voz moi baixa, as penurias carcerarias que baldaron o corpo e o espírito do gran poeta. De feito, tiveron que pasar bastantes anos para que en España se emitisen os primeiros signos públicos de recoñecemento á súa poética civil e ao seu martirio de tres anos (1939-1942). Quen, por primeira vez, en Galicia, lle dedicou un poema foi Arcadio López-Casanova, poema que tivo a ousadía de titulalo Recordatorio para Miguel Hernández, morto. No poema hai versos desacougantes para os funcionarios da censura: «Deica cando vivir con esta morte?». O autor publicouno no seu libro de 1967 Palabra de honor. Do mesmo ano é un soneto moi ben construído en castelán de Alfonso Álvarez Gándara, que o autor enviou, nesas datas, sen éxito, «a no menos de quince periódicos y revistas», entre eles un da provincia de Pontevedra que dirixía Álvaro Cunqueiro. O soneto estivo inédito nove anos ata que o publicou La Voz de Galicia o 9 de maio de 1976.

Teña en conta o lector que o ano 1967 coincidía co XXV cabodano do poeta e que nesa data nalgunhas cidades foi homenaxeado, sempre coas cautelas debidas. En Pontevedra, Antonio Odriozola, insigne bibliógrafo, publicou un Catálogo de la exposición bibliográfica dunha mostra organizada e disposta pola súa sabia man no Ateneo da cidade. Nos actos literarios pertinentes leron poemas celebratorios, entre outros, Arcadio e Manuel Lueiro Rey, autor de cinco sonetos que non se publicaron ata 1971 no libro La noche espera al alba, editado en Bos Aires.