Durmir

OPINIÓN

29 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aí atrás falábase neste periódico dos atrancos que moita xente ten para durmir. O insomnio, a narcolepsia, a parálise do soño e moitos máis temas abrían o perfil dunha casuística para as noites eternas. É algo terrible e, por iso, sei da sorte dos que podemos durmir a sono solto sen precisar contar ovellas ou lidar co desespero desas horas lentas. Na miña casa sempre se durmiu moi ben. O meu pai, por exemplo, cando había algunha visita e xa caía co sono, era quen de se pór a roncar movendo un pé para disimular. Non sei que parte do cerebro controlaba esa orde, pero resultaba un feito, cando menos, sorprendente. A miña muller hoxe precisa un anaco de pílula para durmir. Talvez sexa un castigo polo que me fixo ao pouco de nos coñecermos, cando ficou durmida mentres eu lle tocaba un fermoso tema composto ex profeso para ela. A escena é doada de explicar: eu, emocionado, cos ollos pechos e unha febre adolescente, atacando unha canción que levaba horas ensaiando, e ela, durmida, allea á énfase que eu puña en cada nota. Por un intre houben de marchar, pero, anoxado e impaciente, agardei por unha explicación: «Quedei durmida porque o fas moi ben». Pois vaia! Curiosamente, hoxe o asunto volveuse inverso, xa que son medio somnámbulo e ela ten que me escoitar mentres durmo. Seica me deu por cantar de noite, unhas veces nun francés afectado e outras nun inglés moi british. Ela di que a potencia e a afinación da miña voz é superior no soño que na realidade. Non sei. Gardo a esperanza de que algunha noite, ese cantante inspirado que habita en min, mude a música pola literatura e me dite unha novela xenial, aínda que sexa nun inglés revirado. Tanto ten. O caso é durmir e non que se che durman.