A patria agradecida

OPINIÓN

27 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucas veces asistirei e participarei nunha homenaxe tan satisfeito, con tanto contento e alegría, sabendo que asisto a un acto de xustiza e de simpatía como o que o vindeiro día 31 en Soutomaior lle tributaremos a Xosé González Martínez con ocasión da súa xubilación como funcionario do concello de Redondela.

Porque Pepe iniciou entre nós un activismo cultural moi efectivo, ademais de ineludible, que procurou a penetración da lingua galega en sectores vivos da nosa sociedade aos que nunca tiña chegado a actividade cultural do galeguismo -por forza minoritaria-. O mundo da sanidade pública, dos adegueiros, do funcionariado, dos empresarios... e unha actividade teimosa de memoria histórica coa finalidade de que a toda a sociedade chegasen cumpridas noticias dos homes que fixeron algo por galeguizar o país.

Porque diso se trataba: o que estaba na súa mente, en cantos actos participaba, e foron incontables, era nin máis nin menos que a galeguización do país, despregando unha actividade mesmo febril por todo o país e incorporando á xente que acaía a cada actividade, publicando folletos, biografías, argallando actos diversos e múltiples...

Pepe proviña do activismo político clandestino cando decidiu que podía ser de máis utilidade dedicar o seu tempo, ademais de á súa profesión, a todos os sectores máis vivos do noso país, dende o etiquetado en galego dos nosos produtos ata incorporar o uso da lingua á Administración de Xustiza.

Labor moi difícil, que tería feito recuar a moitos, pero que para el foi motivo de estímulo, consagrándolle toda a súa capacidade de traballo e ilusión. O día 31 honraremos a un dos homes que nestes tempos tan facareños máis deron ao país e con máis ilusión o serviron. A patria estaralle agradecida.