Crenzas e certeza

Pedro Puy
Pedro Puy PORTAVOZ DO PP NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

19 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Apenas un par de medios escritos informaron da morte, á idade de 95 anos e apenas hai tres semanas, de Kenneth J. Arrow, a persoa máis nova que recibíu o Premio Nobel de Economía (en 1972 e aos 51 anos). Na súa obra máis recoñecida, Elección social e valores individuais (1951), chega á conclusión, mediante o uso do aparello matemático e estatístico que tanto admiraba e tan ben utilizaba, de que resulta imposible estabelecer cal é o conxunto de accións e políticas óptimas para un grupo social; porque non é posible incluír nesa lista de bens e servizos públicos as preferencias e os gustos de todos e cada un dos membros dese grupo social.

 

Nun breve ensaio autobiográfico, Arrow conta que tras ser mobilizado durante a Segunda Guerra Mundial, e polos seus coñecementos estatísticos, foi destinado ao Servizo Meteorolóxico do Exército americano. Nel, varios compañeiros seus tiñan a obriga de facer predicións a longo prazo, é dicir, para o mes seguinte. Pronto descubriron que esas predicións tiñan a mesma capacidade de acertar que se estivesen feitas ao chou; polo que solicitaron á superioridade que suprimira o servizo para poder dedicarse a tarefas máis produtivas. A resposta foi: «O xeneral en xefe é consciente da inutilidade das previsións meteorolóxicas. Non obstante, as precisa por motivos da planificación».

Ben fose pola súa experiencia vital ou polos resultados do seu traballo académico, Arrow sempre foi escéptico sobre a capacidade humana de acadar resultados óptimos. Respecto á acción política, o seu teorema da imposibilidade, que ninguén ten refutado (pese aos moitos intentos feitos desde entón), segue a evidenciar que é imposible fixar unha acción política óptima, porque sempre algún ou moitos cidadáns non acadarán a satisfacción das súas propias demandas, gustos ou preferencias. Máis sorprendentemente, Arrow tamén demostrou que a acción política óptima podería acadarse nalgunhas situacións moi concretas, entre as que salienta aquela na que existise un ditador e se producira unha identidade entre as preferencias individuais dese xefe coas do conxunto da poboación. Un teorema, o da imposibilidade de Arrow, e unha excepción (a da existencia dun ditador), que compre lembrar nuns tempos nos que a democracia representativa está tan exposta a crítica, cando é o sistema político que permite resolver mellor os conflitos de interese mediante o diálogo e o voto maioritario, respectando á vez uns dereitos básicos comúns que protexen a todos e en particular ás minorías. E que deberían alertarnos fronte a quen promete solucións óptimas e ademáis identifican a súa posición coa do conxunto do pobo, ou da nación.

Coincidindo coa súa morte non sobra, en fin, lembrar a lección dun dos grandes do século XX, Kenneth J. Arrow: «O noso coñecemento do funcionamento das cousas, na sociedade ou na natureza, arrastra nubes de vaguidade. Grandes males seguiron a unha crenza na certeza, xa falemos de inevitabilidade histórica, de grandes designios diplomáticos ou de opinións extremas sobre a política económica. Ao elaborar unha política de amplas repercusións sobre un individuo ou unha sociedade, hai que ser moi cautos, porque non podemos predicir as súas consecuencias». Aínda que algún xeneral en xefe as demande por necesidades da planificación.