Fracaso escolar e laboral

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

18 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Son moi positivos os resultados acadados por Galicia na taxa de fracaso ou abandono escolar. Pasou do 23,5 % ao 15,2 % nos últimos nove anos, téndose conseguido xa, practicamente, o obxectivo do 15 % marcado por Europa para o 2020, e atopándose entre os mellores resultados de España. Ben é certo que este descenso foi xeneralizado en todas as comunidades autónomas e que nel influíu, en gran parte, a crise económica, pois a falta de postos de traballo propiciou que nestes anos os alumnos continuasen no sistema educativo.

Non obstante, eses bos resultados débense sobre todo á aposta que a Xunta de Galicia ven facendo para potenciar a formación profesional (FP). O primeiro Plan Galego de FP nacía no 2001, coa colaboración entre as consellerías responsables da educación e do emprego. Desde entón non deixou de mellorarse unha oferta de formación cada vez máis atractiva e próxima ao mercado laboral. De resultas, a taxa de escolarización en FP está por riba da media estatal, aínda que lonxe da dos principais países europeos. Temos moitos titulados universitarios, pero estamos baixos en poboación con estudos de secundaria. A boa nova é que o número total de alumnos matriculados en FP está achegándose ao dos que optan á universidade, o cal resulta moi positivo tendo en conta a maior taxa de inserción laboral daqueles, sobre todo con titulación de técnico superior.

Como consecuencia dos bos resultados no abandono escolar, Galicia consigue tamén unha das porcentaxes máis baixas de mozos que nin estudan nin traballan; os coñecidos como ninis. Pero que un de cada seis deles estea na casa é un fracaso escolar e laboral demasiado alto e moi negativo, non só desde un punto de vista económico senón tamén demográfico, pois un número elevado de mozos acaba marchando a outros países na busca de traballo.

As medidas a aplicar son clásicas. En primeiro lugar, no ámbito educativo, hai que recuperar aos alumnos que fracasan, con programas compensatorios. Os contratos programa, que inclúen o máis coñecido PROA, desenvolvidos pola Consellería de Educación, son positivos, pero deben iniciarse antes e estenderse a moitos máis centros.

En segundo lugar, é fundamental superar o divorcio entre os ámbitos educativo e laboral. A empresa segue sen confiar no sistema educativo e este, especialmente as universidades, non están a formar nas competencias que demanda o mercado de traballo. As Administracións educativa e laboral seguen sen coordinar con eficacia os tres subsistemas de formación profesional (regrada, ocupacional e continua), clave para a inserción laboral dos estudantes. Nesta liña está medrando a FP dual, pero resulta moi difícil extrapolala ao noso país, xa que temos un tecido industrial e unha cultura laboral moi diferentes aos de Alemaña, país do que copiamos o sistema.