A canto tocamos de multa?

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

18 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Esa é agora a pregunta, porque todo o demais está claro tras os resultados da votación do Congreso sobre o decreto da estiba: o sentido de Estado é algo que só existe de nome, o que importa é sacar tallada para o propio partido, atacar ao Goberno, humillar a Rajoy e que se decaten en Bruxelas de que aquí nos importan un pemento as súas recomendacións, imposicións e sancións.

Tamén nos decatamos de que non hai que fiarse dos supostos socios, de que o PSOE -Ai, ata cando!- segue perdido, e de que o Goberno non acaba de asimilar que non ten maioría absoluta. E tamén de que en España hai traballadores que rexeitaron unha proposta na que podían adiantar a súa xubilación aos cincuenta anos, cun 70 % do salario actual. O que supón unha media anual de 60.000 euros. A xubilación dun catedrático ou catedrática de universidade, que terá que traballar ata os 70 anos de idade, é de 30.000 euros.

Aclarado isto, o que deben dicirnos uns e outros é canto nos vai a tocar pagar a cada cidadán por manter a actual situación da estiba, que fai que os nosos portos non poidan competir, por ser máis caros, cos de Inglaterra, Irlanda, Italia, Francia, Malta, Portugal e mesmo Grecia, que regularizaron a situación dos seus traballadores.

134.107 euros diarios de multa son nun ano 48.949.055 que, sumados aos 23 millóns que xa debemos, veñen ser 72 millóns. Así que os 46 millóns de españois tocamos, sempre redondeando, a 16 euros por cabeza e ano.

Iso é o canto. Agora que nos digan como o imos pagar.