Privilexios

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

13 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos , unha vez máis, ante un conflito provocado polos privilexios laborais dun colectivo, neste caso dos estibadores, que non se axustan ás normas que rexen o traballo doutros colectivos. O caso anterior máis soado, que eu recorde, foi o dos controladores aéreos. 

En ambos, o primeiro que saltou á luz pública foron os soldos e o chamado enchufismo no acceso á profesión, onde só entran, dise, fillos, irmáns, xenros e demais parentela, masculina no caso dos estibadores.

Os soldos de 70.000 euros de media para estibadores e de 100.000 a 300. 000 euros para controladores, unidos a quendas reducidas, xubilacións anticipadas con todo o soldo e outras prebendas que, segundo din, gozaban uns e gozan agora os outros, provocaron escándalo. E o que puxo á cidadanía en contra foron as folgas, convocadas, como é lóxico, cando máis dano poden causar.

Eu fun unha privilexiada, profesora universitaria con fabulosas vacacións e escasísimo traballo, e sei o que hai de esaxeración e de mentira nestas informacións. Pero hai algo moi claro: España non pode asumir unha sanción de 27.522 euros ao día desde a sentenza de decembro de 2014, máis 134.000 euros diarios a partir da decisión do Tribunal europeo sobre as multas.

Así que non queda máis remedio que poñerse de acordo, ou sexa, que os sindicatos, a patronal, os obreiros, os partidos políticos e o Goberno deixen de arrimar cada un a brasa á súa sardiña e pensen por unha vez no ben común.

Ou o que é igual: terán que tratar de convencer aos estibadores da necesidade de integrarse no amplo clube dos ex privilexiados.