Misterios galaicos

Manuel Blanco Desar
Manuel Blanco Desar A SÍNDROME G

OPINIÓN

11 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En Galicia hai un consenso implícito sobre a nosa desfeita demográfica, que supón non falar da mísera fecundidade -na terna máis baixa de Europa, con Asturias e Canarias-, para poñer só o foco na emigración moza. E por que? Pois porque falar de infecundidade é una verdade incómoda, en especial se o que fala non contribúe a rexuvenecer o país, a pesar de gozar de condicións mellores cás do cidadán estándar -ingresos por riba do salario medio e/ou emprego fixo no sector público-. Resulta comprensible esa incomodidade persoal, pero a nosa situación é tan desesperada que non podemos pechar os ollos. Se o falante non quere aportar nenos nin adoptalos, alá el ou ela, porque isto non é a tiranía do Partido Comunista chinés. Por certo, o Partido Comunista chinés pasou dun extremo a outro, e agora pídelle aos seus case 90 millóns de militantes que dean exemplo con máis dun fillo, e obrigan ás mulleres, comezando polas do partido, a se desprender do DIU. 

A emigración non é a que nos relegou á cola da fecundidade europea, porque seguimos nela mesmo nos anos de bonanza que houbo entre 1990 e o 2010. E a explicación de que somos pobres sen bos empregos ten severas lagoas, mesmo en España. Se comparamos os extremos de fecundidade -Asturias con Melilla-, comprobaremos como esta ten máis do dobre de fillos a pesares de sufrir máis paro e ser menos rica. E mesmo se cotexamos Galicia con Andalucía, resulta que os andaluces chegan case á fecundidade da próspera Alemaña -aproximadamente 1,4 fillos- mentres Galicia fica chantada no fillo único, tendo Andalucía moito máis paro -arredor do 35 % da súa poboación en idade laboral-, e estando uns 13 puntos por baixo do noso PIB per cápita.

Seica non emigran os andaluces? Emigran abondosamente. E logo, como sendo máis pobres e padecendo maior desemprego resulta que son significativamente máis fecundos cós galegos e case coma os alemáns? Esta é a pregunta que non se queren facer os que foxen do cerne natal, e por iso botan por diante o discurso da mocidade emigrante, que existir existe, pero que non é o miolo do noso problema demográfico, ergo económico. Os lustros pasan, os ciclos económicos tamén, e nós seguimos esmorecendo máis que ninguén por non facernos esta pregunta incómoda para algúns. Será que aínda hai quen pensa que falar de fillos non é axeitado ou é retrógrado, como en Francia ou Irlanda. Logo queixarase de que só votan os vellos. Pois para rexuvenecer o censo alguén terá que ter máis fillos cá media, nomeadamente os de mellores traballos e maiores ingresos. Non é? Ou se cadra hai quen cre que canto peor no económico mellor para a fecundidade, sendo sabido que o proletariado é máis prolífico cá mesocracia e a burguesía. Dende logo non debéramos chegar aos indicadores andaluces para arranxar isto. Cómpre falar con franqueza para atopar solucións. Ademais, na falsa dicotomía entre mozos emigrados -que se cadra poderían retornar, dando novos azos ao noso pobo- e mozos inexistentes, que será preferible?