Sen bragas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

03 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sen bragas. Así pretenden que vaian as mulleres «sen marido» a unha discoteca de Barcelona. Preténdeno os donos, claro, que ofrecen a cambio a entrada, unha copa e cen euros. 

Se souberan o que eu e moitas mulleres (e tamén homes) lles ofrecerían a eles despois de ler o anuncio... igual o pensaban antes. Claro que... seica foi todo unha broma. Iso foi exactamente o que aseveraron despois da lea que se montou. Que era unha broma. Sen máis. Nin sequera engadiron que era de mal gusto.

E non é que o fose. É moitísimo peor ca iso. É unha auténtica aberración. Un insulto. Unha mostra máis do machismo desta sociedade, que consente estes casos. Onde un anuncio así para homes? Homes sen muller, habería que poñer tamén. Onde? Nin unha broma ao respecto atopamos...

Estou indignada. Como non o vou estar? Dóeme que nos insulten deste xeito e todo quede nunha broma, unha chanza... Non é iso. Cunha broma rímonos todos, pero isto non fai graza. Nin a min, nin ás mulleres, nin a moitos homes tampouco. Unha broma... si, home, si. De risa son os comentarios do dono, que está cabreado e moi sorprendido, pois non agardaba semellante repercusión nas redes... Claro! Imaxinaba éxito no público feminino e contaba con nós alí semiespidas! E cun sorriso!

Seica vai poñelo todo en mans dun avogado, pois este país parécelle incrible. Pois... non sei se debe poñelo en mans dun avogado ou dun psiquiatra. Este tipo é de traca. O peor é que non está só. Hai moitos así.