Corenta anos luz

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

02 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Quizais alí todo sexa posíbel. Pode ser que alí os supostos bos maridos e bos cidadáns non maten a cinco mulleres en tres días. Se cadra nos océanos dun dos sete planetas que orbitan arredor de Trappist I non navegan os pobres e ao mellor alí todos son negros. Mesmo pode ser que aló todos sexan iguais ante a lei, e mesmo é posíbel que ao explicarlles o que é unha monarquía lles dea a risa. Ao mellor aló arriba non usan pistolas e rin máis a miúdo. Ou quizais estea todo baleiro, a estrear. Se cadra, hai un planeta novo nalgures onde agacharnos de Donald Trump. 

É a noticia máis marabillosa dos últimos tempos. Tanto que, fronte a eses sete planetas, Nóos, as tarxetas black, os musicais, Mariano Rajoy, o brexit, as Meninas, Irán, Erdogan, Corea do Norte, Cincuenta sombras de Grey, os estibadores, o Estado Islámico, o Bulli, e mesmo a miña vida insignificante, son simples estupideces circunstanciais.

Cando xa case pensabamos que nunca a recuperariamos, a NASA agasallounos cunha fermosa dose de esperanza, pero esperanza da boa, desa que non depende nin da fe, nin de Deus, nin da casualidade, senón que depende só da ciencia, de nós, e da nosa intelixencia que por veces, cando realmente fai falla, comparece.

Pero está a corenta anos luz. E ante a cifra, a estrela escintilante convértese na expresión astronómica do enigma da lebre e a tartaruga.

Entón volven a esta gastada terra as mulleres mortas e as estupideces, as inxustizas e a burremia humana capaz de vencer incluso á máis fermosa das esperanzas. Iso si: de súpeto mudou tanto o modelo de mundo habitábel que iso de deportar xente ao país do lado é algo propio de burrangáns sen perspectiva universal.