Autodefensa

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

28 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As dezaseis mortes por violencia machista en apenas mes e medio desde que empezou o 2017 autorizan a dicir que as actuais medidas de protección para as mulleres ameazadas polas súas exparellas son ineficaces; tanto as ordes de afastamento como as pulseiras e demais dispositivos que advirten da presenza do maltratador. 

Hai unha crecente preocupación social polo tema que levou aos partidos políticos a facer declaracións e propoñer medidas que, a longo prazo, poderán ser eficaces. Todo o que sexa educar na igualdade quizá resolverá o problema nas xeracións futuras, pero, de momento, hai que facer algo para evitar as mortes actuais.

As mulleres que denunciaron xa puxeron da súa parte o necesario para defender a súa vida e a dos seus fillos e teñen dereito a que a sociedade e as forzas de seguridade lles ofrezan solucións para defenderse.

En Estados Unidos, unha persoa non agarda a recibir ameazas de morte para mercar unha arma. Abonda con que se sinta pouco segura. Non estou a favor da posesión indiscriminada de armas, pero tampouco de limitar a lamentacións e proxectos futuros a defensa desas mulleres.

Din que non se pode poñer un escolta a cada muller ameazada, aínda que si se puideron poñer no seu día a centos de políticos. ¿Qué medio de autodefensa se lles pode logo ofrecer? ¿Habería xeito de darlles formación ou outros instrumentos?

Dezaseis mulleres asasinadas en mes e medio xustifican solucións eficaces e non panos quentes.