Rachando as vestiduras

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

27 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

No asunto das penas do caso Nóos vou levar a contraria. Non son quen para comentar xuridicamente o caso e moito menos a sentenza, pero os cidadáns somos quen de pronunciarnos sobre o que nos parece xusto e, por suposto, sobre o que esperamos da Xustiza. Faltaría! E hai algo que me inquieta nos que se empeñan en condenar á infanta no mesmo grao que o seu home: a aspiración a unha vinganza bíblica, mesiánica, inquisitorial, unha sorte de xustiza divina na Terra, independente da lei, da xurisprudencia e das probas. Pensando e preguntando a quen sabe, reparei que non é nada habitual a condena das consortes por beneficiárense do delito do cónxuxe. Non o foi, por exemplo, nos casos de narcotraficantes, agás nun ben coñecido no que a condenada era partícipe e líder do clan. Non adoitan ser condenados os e as consortes pola responsabilidade das súas parellas.

Desasoséganme quen rachan biblicamente as súas vestiduras como proba de vergoña e arrepentimento pola corrupción descuberta en casos que, como este, levan anos abertos sobre asuntos que sucederon hai máis dunha década. Non estou repetindo o argumento máis coñecido de Rajoy porque concorde, pero chamo a atención sobre as fondas razóns da súa efectividade social. Todos sabemos que eran moitos os que sabían que estaba pasado, aínda que non o compartiran. Nos partidos, a Administración, medios ben informados, disque disques cortesáns, Casa Real. Non me refiro aos que daquela aínda estaban estudando e agora son acusados de adanistas polos que estaban rodeados de corrupción nas institucións. Moitos que non a practicaban tampouco non a denunciaron. Os mesmos que non acaban de darse conta de que o cambio político dos últimos anos ten que ver precisamente coa non aceptación da corrupción por varias fornadas de xente moza educada en valores de igualdade e respecto ás leis.

Lévolle tamén a contraria aos que se empeñan na abstracción de que todos podemos ser iguais diante da lei. Sobre ese ideal partillado da igualdade xurídica liberal están cando, quen e onde. É difícil, inxenuo, agardar igualdade diante da lei nunha monarquía, baseada no privilexio do nacemento, na que o xefe do Estado non pode ser por principio sometido a xuízo. Por iso é difícil imaxinar que a súa familia poida ser xulgada. Por iso é extraordinario que o cuñado do rei sexa condenado a penas de prisión e a súa irmá a pagar a multa correspondente polas ganancias defraudadas a Facenda. Tamén é un espellismo, aquí onde as leis permiten aos fiscais pedir cinco anos de prisión por intentar parar un desafiuzamento, e aos xuíces condenar a seis anos a un mozo por roubar unha bicicleta ou a dous e medio a unha nai por gastar douscentos euros en cueiros e comida cunha tarxeta atopada na rúa. O xuízo de intencións é moi común na cultura católica e a ordalía, a primitiva forma de condenar ás bruxas. Avanzamos moito nos últimos dous séculos. E aínda queda.