No 180 aniversario de Rosalía: un retrato

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

25 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cento oitenta anos (en 1837) naceu en Santiago de Compostela a escritora Rosalía de Castro, efeméride que nos convida a reproducir, en parte, a acta bautismal asinada polo presbítero José Vicente Varela Montero na capela do Hospital Real (hoxe Hostal dos Reis Católicos): «En veinte y cuatro de febrero... María Francisca Martínez, vecina de San Juan del Campo, fue madrina de una niña que bauticé... llamándole María Rosalía Rita, hija de padres incógnitos, cuya niña lleva la madrina, y va sin número por no haber pasado a la Inclusa». Así de desasistida entra Rosalía no esquema administrativo da sociedade aínda que non ingresou na Inclusa pois foi levada, no colo dunha muller da aldea, non sabemos a que casa, quizais á da nai, Teresa de Castro Abadía. A prosa da acta bautismal dita a presente evocación.

Fráxil e profunda, sombra e luz, Rosalía transitou pola vida con palabras xa de revelación, xa de misterio. Vivía nun país sen voz propia, e foi ela a primeira, con entidade, en atopar o nome das cousas, o nome non escrito das cousas. Acontecía esta prodixiosa invención en 1863, o ano daquel libro auroral e reivindicativo que titulou Cantares gallegos. Cantou a cotovía e xa todo comezou a ser distinto.

Era Galicia, daquela, un país totalmente analfabeto no seu idioma, pero, aínda así, os versos galegos da Cantora axiña foron citados, amados, recitados e lembrados. Xentes moi diversas no país, os humildes en primeiro lugar, intuíron a grandeza e a beleza daquel acontecemento: un poeta muller, asume, sen pedantería, como quen respira, a defensa e a canción do marxinado e atribulado país.

Aquela voz primaveral e fundadora, anos máis tarde, en 1880, mergúllase, no libro Follas novas, en estratos esenciais do ser humano, que son os estratos dos grandes desacougos, dos dramas fondos e da grave condición dos grandes espíritos. Porén, nas páxinas non atormentadas por aquela peculiar angustia existencial, Rosalía, morna musa solidaria, canta algunhas das feridas históricas do seu país, dun xeito especial a dor e a dura soidade das viúvas dos vivos e das viúvas dos mortos, como ela dixo en inmortal expresión. Poeta con varios poetas na cerna do seu espírito, inspiración rica en rexistros, musa polifacética, alma torturada e voz reveladora en tantas ocasións, xa no adro da morte publica En las orillas del Sar, que é un tratado de desolación. Ninguén antes, en ningunha das linguas hispánicas, se debruzara sobre territorios tan graves do espírito humano.