Trebellos sen control

OPINIÓN

20 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando un ve, como nestes días pasados vimos nunha pequena vila galega, a unha rapaza duns dez ou doce anos guiando polo paseo o seu patinete cunha man e agarrando coa outra o seu móbil, por forza que un ten que pensar se estaremos asistindo a un churrusqueiro culto a algunha incerta deidade. 

O primeiro que un pensa é no moito tempo que o andazo destes trebellos rouba á xente nova en formación.

Á súa formación intelectual e humana, influíndo -penso que de maneira moi negativa- no tempo que deben dedicar non só ao estudo senón tamén aos deportes, ao lecer, a camiñar e demais actividades que unha boa e elemental formación intelectual e humana esixen.

Porque moitos deses rapaces, que só viven para o seus trebellos informáticos, sen dúbida dedican máis tempo a andar de brincadeira con eles do que destinan aos seus estudos.

Non se comprende, entón, que moitos, incluídos os pais, se laien de que os rapaces non dispoñen de tempo libre e culpen diso tan só aos deberes.

Moitos deses rapaces nin se moven, nin camiñan, nin fan deportes, nin van a excursións (e cando o fan van fundidos co seu trebello, a elixir entre a variedade que existe) e nada raro é que esa inmobilidade que lles dá o móbil e demais trebellos, contribúa a facer o día e mañá homes fofos, con pouco nervio e moita graxa.

Non sei se estaremos preparando xeracións de frustrados e de zombis. Pois o baleiro da incultura non o enchen os trebellos electrónicos.

Algo vai mal se o tempo non se valora ou se consume concedendo preferencia a esas e outras banalidades.

Non me sae da cabeza a imaxe daquela rapaza atendendo a un tempo ao control do seu patinete e fedellando no seu móbil. Unha triste imaxe da nosa sociedade.

Vaia unha maneira de prepararse para o día de mañá.