Aprobados inxustos

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

20 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Tribunal Supremo condenou a un profesor de universidade por delito de prevaricación por poñer un sobresaliente a unha alumna nun exame ao que non se presentou. A alumna traballaba noutra cidade e nin sequera acudiu ás clases. Sucedeu en Granada. 

O caso lémbrame o que sucedía na Universidade do País vasco cos presos de ETA encarcerados. A realización de estudos universitarios implicaba unha redución da condena e foron moitos os que se apuntaron a tal beneficio. Non tiñan que someterse a ningún exame e aprobaban con traballos cuxa autoría ninguén se preocupaba de confirmar.

A alumna da Universidade de Granada conseguiu mediante un sistema de compensación de materias o título de Licenciada en Pedagoxía. Os etarras conseguiron diversos títulos de Xornalismo e Ciencias Sociais da Universidade do País vasco. Como me dixo un colega: «A ver quen se atreve a suspender a un etarra». Algúns atrevéronse. Pero aínda así conseguiron os títulos.

Actualmente a Audiencia Nacional investiga se 76 presos etarras falsificaron os seus títulos, que presentan numerosas irregularidades.

O profesor de Granada foi condenado a sete anos de inhabilitación e tamén a persoa da administración que mediou entre el e a alumna. Non houbo ningunha condena por regalar títulos aos etarras presos.

Todos os días estamos a oír e a ler que a Xustiza é igual para todos. Sen comentarios..