A acollida de refuxiados

OPINIÓN

16 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días, a chegada de Trump ao despacho oval está dando a razón aos que consideran que o mundo podía ir a peor; con todo, aínda non decretou a invasión de ningún país… confiemos, todo chegará! De momento unha das polémicas está centrada na acollida de refuxiados (e outros inmigrantes) procedentes de sete países de África e Asia, que Trump quere suspender, por supostas razóns de seguridade nacional. 

Nisto EE.UU. non fai máis que proclamar ás claras o aplicado no último ano e pico na meirande parte de Europa -coa digna excepción de Alemaña- onde Rajoy foi un alumno destacado. En todos estes países europeos, razóns de oportunidade política, que raian na xenofobia, aconsellan non acoller refuxiados; a escusa máis utilizada (caso de España, alegando a alta taxa de paro) é a dos custos económicos que conleva. É certo que acoller refuxiados non é un simple levantar a barreira e dicir: «Pasen»; non, acoller refuxiados de acordo coas normas internacionais obriga a ofrecer unha vivenda, conceder unha axuda económica para os primeiros meses ou anos, e proporcionar educación, sanidade, cursos de idiomas e outros servizos básicos. Como contrapartida o refuxiado ten a obriga de integrarse nese país -que non pode cambiar- e aceptar os valores propios da sociedade que o acolle.

Canto costa isto?

Moitos gobernos pretenden ocultar estes custes, alzando sempre a cifra para remarcar a propia xenerosidade… estratexia que decae cando se revelan as cifras reais. Así, o informe do 2016 Paying the price, do Consello Europeo de Relacións Exteriores (ECFR), un organismo independente, cifraba en só 3.300 euros ao ano para España o custe de acollida dunha persoa refuxiada… cando está previsto que a Unión Europea conceda ao noso país 6.000 euros ao ano.

Máis que un gasto… case un negocio!, pois ademais do saldo positivo, calquera economista dirá que acoller refuxiados é máis un investimento ca un gasto, e senón que llo pregunten a Alemaña -que abriu as portas no 2016 porque necesita novas fornadas de xente nova como forza laboral- e ao resto de países tradicionalmente acolledores como Canadá, Australia, países nórdicos… ou ao propio Estados Unidos.

De feito, nas negociacións coas comunidades autónomas durante o 2016 para afrontar a atención sanitaria aos refuxiados sirios, o Goberno ofreceu un pago de 68 euros por ano e persoa, cun total 1,75 millóns de euros para acoller os 15.000 comprometidos, unha cifra que para os sistemas de saúde autonómicos é simplemente irrelevante.

Finalmente, é certo que cada país ten dereito a establecer algúns requisitos para a entrada de inmigrantes ou refuxiados -sempre que non sexan discriminatorios por razón de etnia ou relixión- pero tamén é certo que os compromisos internacionais como o dereito de asilo non son un kleenex que usar cando nos conveña, senón que están para cumprirse.