Xaques á democracia

OPINIÓN

13 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Son moitos, ao día de hoxe, os riscos, perigos e ameazas que poden chegar a facer problemática a democracia. Témonos ocupado aquí dalgúns, como o devecer do poder político diante do poder financeiro ou o continuo minguar do poder representativo diante de órganos non elixidos -como o BCE e outros organismos da UE-.

Ademais, hai un conxunto de poderes, situacións e mesmo actitudes que están atentando e ameazando a democracia, que a están deturpando xa e que se suman aos antes expostos, e que van camiño de afogala. Por exemplo, dende o poder político e dende outros que inflúen sinaladamente na sociedade -os medios de comunicación, entre outros-, que teñen a facultade manifesta de influír nela e aínda de manipulala -e non polos tradicionais métodos da propaganda, senón pola entronización da mentira e do cinismo-.

Cando a estreita colaboradora de Trump, Kellyanne Conway, nos di que unha cousa é a verdade e outra a verdade que non queremos ver -a verdade alternativa-, ou cando o sinistro Bannon nega a realidade que unhas fotos mostran, porque non lle conveñen, e acusa aos xornalistas de seren eles os falsarios, están instituíndo a mentira e con ela a lei da selva.

E non só iso: están facendo unha política, por chamarlle dalgunha maneira, que vai influír dun xeito moi negativo na sociedade, que vai contribuír a envilecela, que vai deturpar moitos valores, ou a negalos, e aínda a destruír unhas sociedades que tanto nos ten costado civilizar. ¿Alguén o pon en dúbida?

¿Que se pode facer para coutar semellantes situacións? Polo menos, e xa para empezar, o que escribiu un xornal dos EE.UU.: «Deixemos que Bannon e Trump falen, nós informaremos». Xa veremos, se as cousas seguen como están ocorrendo, se esa mínima saída é aínda posible.