Aquí seguimos

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

12 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata cando as mulleres terán que traballar 109 días máis ao ano para cobrar o mesmo salario que os homes polo mesmo traballo? 

Ata cando a ganancia media anual das mulleres será de 6.000 euros menos que a dos homes?

Ata cando as mulleres que optan por un traballo a tempo parcial para ocuparse, por exemplo, da crianza dos fillos cobrarán un 26 % menos por hora que as que traballan a xornada completa?

Son datos que aparecen nun estudo realizado por CC.OO., no que queda patente non só a desigualdade entre homes e mulleres no mercado de traballo, senón a nula atención que se presta á conciliación.

Seguimos sendo un colectivo marxinado. Quizá porque non fixemos unha revolución. Non temos unha toma da Bastilla, nin un 1917 que celebrar, nin sequera un maio do 68. Tampouco unhas Panteras Negras ou un partido Mau Mau. O movemento feminista é pacífico, non utiliza a violencia para impoñerse. Como máximo, queiman os seus propios suxeitadores, nada comparable a unha boa sesión de guillotina ou a un degolo.

As armas das mulleres son as palabras, por iso seguimos preguntando: ata cando esa inxusta discriminación? E aguantando que nos digan «Outra vez! Que lata!».

Pois si, aquí seguimos, xunto a esas mulleres que traballan igual ou mellor que os homes e cobran menos. E seguiremos, porque o outro camiño é o que tan dramaticamente cantou Rosalía de Castro, o de tomarse «a xusticia pola man».