«Els segadors»

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

11 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Na dialéctica independentista estase a facer política bizarra. Nada é o que parece. Estase xulgando aos responsables do referendo de novembro do 2014 onde 1,8 millóns de persoas votaron si á independencia, dos 2,3 que acudiron a votar dun censo total de posibles votantes de 5,5 millóns. As proclamas heroicas feren os nosos ouvidos e agreden a lexitimidade dun desexo respectable dunha parte da poboación catalá que aspira á independencia. Como agrede á democracia a inexplicable incapacidade dos gobernos de Cataluña e España para atopar un punto de encontro para facer unha consulta, legalmente pactada, que evite males maiores.

As sondaxes do Centre d’Estudis d’Opinió lembran que, cando a reforma do Estatut do 2006, só un 13,9 % quería a independencia. En dez anos é o 36,1 %. No entanto, chegaron a sentencia do TC contra o Estatut, a do TSJ de Cataluña para converter en lingua vehicular o castelán, a crise económica e a quebra das contas autonómicas, un adianto electoral cando xa o independentismo ía polo 46 %, a ignominia da familia Pujol, a desaparición de CiU, e a coalición da esquerda radical coa dereita liberal que non é quen de poñerse de acordo nin para aprobar un orzamento. A día de hoxe, en plena batalla xudicial e política, quedan claros os intereses antagónicos, pero complementarios porque se retroalimentan, dos nacionalismos español e catalán. Neste goyesco «duelo a garrotazos» pelexan dous bandidos nun campo minado pola corrupción da que a ningún lle interesa falar. O recurso emocional ao sentimento identitario que une á esquerda e á dereita catalás, tapa a tráxica realidade de que Cataluña lidere o ránking de casos de corrupción abertos, e ao PP lle convén que a atención se centre lonxe do xuízo á Gürtel que ameaza con devoralo.

Para a cohesión interna axudan os inimigos externos e iso sábeno moi ben nos pasadizos da Generalitat e nos corredores da Moncloa. Se cadra, os símbolos axudan a entender como se manipulan as emocións. O himno de España é unha marcha militar, sen letra, baleiro de mensaxe capaz de unificar un sentimento común de pertenza e identidade. O de Cataluña é un exemplo de uso partidista da historia; reformado interesadamente a fins do XIX para chamar ás armas contra o Imperio español modificando a letra dunha canción que, na orixe, lembraba unha revolta de segadors contra o réxime señorial catalán. Pasaron de reivindicar a liberación das clases oprimidas polos máis poderosos de entre os seus, a demandar a liberación dunha patria maltratada polos máis poderosos de entre os outros.

Falta fai que se deixen os himnos a carón e as partes en conflito actúen conforme á lei e con altura de miras, ou este extraordinario, culto e dinámico país, onde viven máis de sete millóns de persoas, seguirá a ser o ring onde dous pillabáns se mazan, garrote en man, para ver quen enterra a quen sen pensar no ben común.